Ademais, O Concello de Ourense porá en marcha un programa integrado que beneficiará a 70 persoas desempregadas cunha subvención de 134.000 euros da Dirección Xeral de Emprego.

A comisión de valoración da Consellería de Traballo e Benestar vén de avaliar as solicitudes presentadas para a concesión de obradoiros de emprego e decidiu que a provincia de Ourense poderá contar con doce programas mixtos de emprego para este ano que beneficiarán a preto de 300 persoas en situación de desemprego cun orzamento de preto de 2,2 millóns de euros. A resolución definitiva realizarase nos vindeiros días. Así o anunciou o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, logo da celebración desta comisión.

En concreto, na nosa provincia os obradoiros mellor valorados de acordo cós criterios establecidos na Orde de convocatoria benefician a un total de 43 concellos e son: a Mancomunidade voluntaria dos municipios da comarca de Ourense; Mancomunidade do Ribeiro; Consorcio local Río Arnoia; Allariz, A Bola e Vilar de Santos; Barbadás; Celanova, Bande e Verea; O Barco de Valdeorras, Rubiá e Carballeda de Valdeorras; O Carballiño, San Amaro e Boborás; Ourense; Monterrei, Laza, Oímbra, Cualedro e Castrelo do Val; Padrenda, Pontedeva e Quintela de Leirado;e, por último, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio e Sandiás.

No caso da Mancomunidade voluntaria dos concellos da comarca de Ourense inclúe as localidades de Paderne de Allariz, Maceda, Baños de Molgas, Nogueira de Ramuín, Esgos, San Cibrao das Viñas ,Parada de Sil, Pereiro de Aguiar, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadañedo. O seu obradoiro, un dos mellores valorados pola comisión, beneficiaría a 23 persoas cun orzamento de máis de 204.318 euros.

Ademais, a Direccion xeral de Emprego vén de conceder ao Concello de Ourense, o único que o solicitou na provincia, un programa integrado que beneficiará a 70 persoas desempregadas cunha subvención de 134.000 euros.