Na provincia de Ourense este ano ofértanse un total de 900 prazas, 95 máis que o anterior, para que mozos e mozas de entre 9 e 30 anos participen nas actividades de carácter lúdico, cultural ou deportivo da campaña de verán que organiza a Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Nesta campaña recupérase a oferta concertada, cifrada en 100 prazas, no campamento de Entrimo.

Na programación inclúense: campamentos xuvenís para menores de 18 anos en Galicia e noutras comunidades autónomas; as actividades para maiores de 18 anos; campos de traballo en España e no estranxeiro; e accións de reencontro con mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior.

Campamentos de verán
O obxectivo dos campamentos de verán é que a mocidade empregue o seu tempo libre en actividades de carácter lúdico, cultural e deportivo,ao tempo que coñecen outros territorios e viven novas experiencias. Haberá distintas quendas, de entre 8 e 12 días, durante os meses de xullo e agosto.

Será precisamente neste tipo de actividades onde se incorporará a principal novidade deste ano. Por primeira vez, poranse en marcha os campamentos IMPLÍCA-T para mozos entre 14 e 17 anos. Neles, ademais das tradicionais actividades de ocio e tempo libre, os participantes contarán con outras accións como a conservación de espazos, a colaboración na sensibilización contra os incendios forestais ou a dinamización do camiño.

Este verán haberá 635 prazas en Ourense, fronte ás 640 ofertadas na pasada campaña. As instalacións nas que se desenvolverán os campamentos serán o campamento Penedos de Xacinto en Entrimo (200 prazas); o centro de educación ambiental Equal (45) en Coles; o albergue Vilar de Ordelles  (60 prazas) en Esgos; a estación de montaña de Manzaneda (270); e a residencia Xuvenil Florentino López Cuevillas (60), na capital da provincia.

Todos os campamentos serán en réxime de manutención en pensión completa e contemplan o material necesario para cada actividade. O prazo de inscrición estará aberto ata o 8 de abril. Entre todas as solicitudes, realizarase un sorteo público ante notario.

A maiores, os mozos galegos poderán optar a participar en campamentos de intercambio noutras comunidades autónomas. Pola súa banda, participantes doutras comunidades autónomas poderán vir a Galicia.

Como todos os anos, tamén se colaborará coa Secretaría Xeral de Emigración para facilitar a participación de descendentes de emigrantes galegos. Así mesmo, reservaranse unha serie de prazas para colectivos específicos, que serán xestionados pola Secretaría Xeral de Igualdade, a de Política Social e a Dirección Xeral de Familia e Inclusión.

Cinco campos de traballo
A programación da campaña de verán inclúe tamén os campos de traballo para maiores de 18 anos, cuxa convocatoria estará dispoñible o próximo mes, cun total de 105 prazas en Ourense, as mesmas que se ofertaron o ano pasado. O seu obxectivo é fomentar a convivencia, a participación e a tolerancia a través dunha colaboración desinteresada e voluntaria.

Na provincia desenvolveranse 5 campos de traballo de diferentes temáticas: medioambiental en Riós e Muíños; mediambiental e social, na Peroxa; de bioconstrución e autoconstrución nas Corcerizas, en Vilar de Barrio; e audiovisual en Celanova.

Así mesmo, para os maiores de 18 anos e menores de 30, este ano volverase a organizar unha serie de actividades. En Ourense, con 60 prazas ofertadas, levarase a cabo a actividade “Cultura e Camiño” dentro do proxecto “Conecta con Galicia”, un programa rotatorio de convivencia entre participantes galegos e da Galicia exterior que permitirá coñecer o patrimonio histórico cultural da provincia.