Animación xerontolóxica, intelixencia emocional, apoio a dependentes, deseño de actividades e iniciación ao voluntariado son as propostas formativas.

A concelleira de Voluntariado do Concello de Ourense, Mónica Vázquez, e o técnico da Concellería, Miguel Veiras, presentaron o plan formativo da Concelleria de Voluntariado para o primeiro semestre do presente ano. Con el preténdese proporcionar ás persoas voluntarias da cidade a posibilidade de incrementar a súa formación en diferentes especialidades, ao tempo que poñer en valor o papel tan importante que están a realizar os voluntarios e voluntarias na cidade, colaborando coas entidades de acción voluntaria e nas distintas actividades e programas do Concello. Este plan dá continuidade ao desenvolto en anteriores ofertas formativas, que tiveron moi boa aceptación, contando coa participación de 150 persoas nos diferentes cursos ofertados.

A convocatoria comezará cun Curso de inicación ao voluntariado, os días 7 e 8 de abril, pensado para todas as persoas que recentemente se inscribiron como voluntarias, para que teñan unha idea clara de cales son os seus dereitos e deberes, e adquiran os coñecementos necesarios para desenvolver o seu labor solidario.

Tamén se impartirá un curso de técnicas de animación xerontolóxica (20 a 29 de abril). No último ano, desde a Oficina de Voluntariado detectaron un incremento de solicitude de persoas voluntarias para acompañar a persoas maiores que en ocasións se atopan sós na súa casa sen posibilidade de conversar ou de saír a dar un paseo, polo que se considera fundamental os voluntarios e as voluntarias estén ben formados neste campo.

A oferta formativa inclúe tamén un Curso de intelixencia emocional e voluntariado, que se desenvolverá do día 4 ao 6 de maio, un Curso de apoio psicosocial a persoas dependentes, do 11 ao 20 do mesmo me , e xa por último e como novidade un Curso para elaboración de proxectos e deseño de actividades de voluntariado  dirixido a persoas voluntarias e a persoal técnico das entidades da nosa cidade. Será semipresencial, con 10 horas presenciais e 20 horas on-line. Será neste caso do 15 de abril ata o 27 de maio. Todos os cursos serán no Centro cívico da rúa Colón, “Casa da Maxia”.

Cursos gratuítos para persoas inscritas na Oficina de Voluntariado

Os cursos son gratuítos, sendo o único requisito para poder participar no curso básico estar inscrito como voluntario/a na oficina municipal e para o resto, será preciso ademais ter realizado o curso de iniciación ou acreditar ter recibido formación básica en voluntariado. Contran con 20 prazas cada un, que se adxudicarán por orde de inscrición, agás o de elabporación de proxecto, que contará con 22 prazas.

Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á Oficina Municipal de Voluntariado do Concello de Ourense, sita na Praza de San Martiño, e na web www.ourensevoluntario.org, con todas as novidades, noticias, oferta formativa, lexislación, imaxes das accións formativas, ligazóns, etc, e información de interese.