Tala na Ribeira Sacra

De desfeita medioambiental tachan a «corta a feito da mellor colección de árbores existente en pleno corazón da Ribeira Sacra ourensá», moi preto de Santo Estevo de Rivas de Sil e ao carón do lugar de interese comunitario «Canóns do Sil».

A asociación ecoloxista Amigos da Terra detectou a semana pasada a corta  de centos de árbores no lugar da Rasa-Loureiro, no concello de Nogueira de Ramuín.

«Cortáronse polo pé centos de árbores, moitas delas de gran valor medio ambiental e patrimonial, nunha superficie de máis de 80.000 metros cadrados, especies de moi diversas especies tanto autóctonas como alóctonas (carballos, castiñeiros, bidueiros, cerdeiras, choupos, olmos, abetos, cedros, thuias, chamacyparis, criptomerias, acacias, plátanos híbridos…) algún dos exemplares centenarios, e árbores de ate 150 centímetros de diámetro. Estragaron e destruíron a mellor colección de árbores existente en toda a Ribeira Sacra, un ataque máis ao patrimonio arbóreo de Galicia, sen xustificación e presuntamente sen ningún tipo de autorización», denuncia Amigos da Terra.

As talas producíronse en propiedades privadas e en terreos propiedade da empresa hidroeléctrica Iberdrola, no chamado «poboado de A Rasa» e na aldea de Loureiro. A corta é visible en quilómetros a redonda, «unha desfeita medio ambiental, paisaxística e patrimonial na parte máis alta dunha das ladeiras da Ribeira Sacra».

Dende Amigos da Terra denunciarán as talas diante dos organismos responsables: Concello de Nogueira de Ramuín, Consellería do Medio Rural, Consellería de Infraestruturas e Medio Ambiente, Confederación Hidrográfica Miño-Sil.