Manuel Baltar

Inclúe 77 medidas con cadanseu mes e ano de materialización.

 

Acompañado de boa parte dos alcaldes ou candidatos á alcaldía que o PP ten en Ourense, o presidente provincial desta formación, Manuel Baltar, presentou este martes o programa electoral co que aspira a repetir á fronte da Deputación. É a primeira vez que un partido presenta unha programa electoral provincial, na liña que o político popular vén reivindicando desde hai tempo de que os presidentes e deputados provinciais sexan elixidos directamente polos cidadáns.

En total son 77 accións para o período 2015-2019, “e inclúe para cada medida o mes e o ano de materialización”, o que o candidato ve como “un reto” e “unha autoesixencia” pero tamén “perfectamente cumplible”. Ademais, Baltar adiantou que xa ten elaborado o programa de goberno para a lexislatura 2019-23, “é un programa a oito anos”, explicou.

Este programa denominado Plan Ourense 15-19 vén avalado, dixo Baltar, polo Plan Ourense 92 co que entrou a gobernar en 2012 e que conseguiu logros, citou, como reducir a débeda da Deputación, avances en transparencia, proxección institucional e o plan termal provincial. Será unha “continuidade coherente” que terá en conta o novo contexto que se producirá co Programa Europeo H2020 e a chegada da alta velocidade. Para o presidente provincial do PP “ambos aspectos, combinados e enmarcados nunha estratexia provincial a medio e longo prazo poden xerar os suficientes elementos de valor que fagan da provincia un referente nacional e internacional”.

As nove liñas de actuación nas que se divide o programa provincial do PP son “Estrutura orgánica e reforma do regulamento. Recursos humanos”, “Economía e facenda”, “Medio ambiente”, “Institucional e proxección exterior”, “Cooperación cos concellos”, “Benestar”, “Infraestruturas”, “Cultura e deportes” e “Inorde – Emprendemento”.

Captar poboación
O programa que presenta Manuel Baltar oriéntanse a un dos principais obxectivos provinciais: asentar e captar poboación. “Converter a Ourense nunha “provincia habitable” –opina- permitirá que nun horizonte próximo no que as distancias se reduzan, podamos captar poboación e incrementar o número de residentes na provincia, invertendo a tendencia histórica das últimas décadas”.