Candidatura BNG-Asembleas Abertas

A candidata Susana García destacou a necesidade de transformar a actividade política e o compromiso de “coherencia, transparencia e honradez” dos integrantes da lista nacionalista.

Baixo o nome BNG-Asembleas Abertas, a formación política nacionalista presentou este martes as que serán as “ideas forza” do programa co que concorrerá aos comicios municipais de maio no Concello de Ourense. Nun acto celebrado na rúa do Paseo, a candidata, Susana García, estivo acompañada dos seis primeiros integrantes da lista –Noa Presas, Luis Seara, Rut Reza, Xosé Lois González, Fabián Freixedo e Beatriz Fariñas- que a axudaron a debullar estas ideas. Todos eles configuraron eles un pequeno puzle no que se podía ler “Ourense, unha nova denominación de orixe”.

Un programa que pretende, no seu conxunto, mellorar a calidade de vida das persoas que viven en Ourense mellorando os servizos que se prestan dende o Concello. É prioridade para o BNG-Asembleas Abertas os servizos sociais e porlle freo ao desemprego, e para iso, sinalaba García, “dinamizaremos os sectores económicos –termalismo, industria textil e comercio local, entre outros- que favorezan a creación de postos de traballo estábeis e de calidade”. A candidata nacionalista anunciaba que non se privatizará ningún outro servizo público e que se intentará recuperar o carácter municipal daqueles que hoxe prestan empresas privadas.

A posta en marcha de consellos de barrio, a convocatoria de consultas sobre as grandes actuacións municipais e a elaboración de orzamentos participativos son outros dos piares deste programa, que é froito das asembleas celebradas en diferentes barrios da cidade nas que as persoas que participaron achegaron as súas propostas e prioridades.