Mavi Calviño e Martiño X.Vázquez

O movemento cidadá elixirá en asamblea os dez primeiros candidatos da súa lista, que logo serán ratificados en votación polos asinantes do seu manifesto vinculados a Ourense, o 11 de abril.

“Trabucámonos si, nós tamén trabucámonos”. Así comeza un manifesto de catro páxinas de Ourense en Común ao que daban lectura os seus membros Martiño X. Vázquez e Mavi Calviño, no inicio dunha rolda de prensa para informar do acontecido no seo desta plataforma cidadá desde as fallidas primarias abertas.

No comunicado, Ourense en Común recoñece que cometeu erros “ao rebaixar as garantías en aras da participación”, “ao pensar que o mellor xeito de configurar unha candidatura na provincia de Ourense son unhas Primarias Abertas” ou “ao compartir viaxe con algunhas persoas que pensan que a democracia é a arte de bordera os regulamentos”. Iso si, a autocrítica tamén a estenderon a aquelas persoas “que pensan que todo está permitido para chegar ao Concello” e compartiron as responsabilidades destes erros á “vontade corrupta dalgunhas persoas que se aproveitaron dun proceso en beneficio exclusivamente seu”.

En particular, Mavi Calviño expresaba abertamente a súa opinión. “Teño o sentimento de que fomos utilizados, de que se aproveitou o traballo feito por un colectivo por un partido en particular”, dixo. Martiño X. Vázquez, pola súa parte, apuntaba a “determinados grupos de poder” de estar detrás das irregularidades do proceso de primarias; “senón son autores directos, si actores secundarios encantos co proceso de deslexitimación”, engadiu.

Decisións e posible sanción-expulsión a Mosquera
Amáis destas reflexións, os integrantes deste movemento cidadá tamén anunciaron as decisións tomadas durante máis de dez horas de asembleas nas dúas últimas semanas: dunha banda, a xa coñecida anulación do proceso de primarias abertas cidadás ao considerar o seu resultado como “ilexítimo”, e o establecemento dunha nova fórmula para elaborar a candidatura.

Un grupo de traballo establecerá esta mesma tarde os criterios “que garantan a lexitimidade e confianza de todas as persoas escollidas”, e o mércores, en asamblea, consensuaranse segundo eses criterios os nomes dos cinco primeros homes e as cinco primeiras mulleres da lista. Aquelas persoas vinculadas a Ourense das 1.666 que asinaron o manifesto inicial de Ourense en Común poderán votar por eles o vindeiro sábado 11 de abril, tanto presencial como telemáticamente. O método de votación aínda está por decidir.

Doutra, a convocatoria do Comité de Garantías Éticas, que está a avaliar unha posible sanción ou expulsión de Xosé Mosquera, o candidato, vinculado a Compromiso por Galicia, que gañou as anuladas primarias. “ Xosé Mosquera deu varias entrevistas incumplindo o protocolo de comunicación e cousas que dixo atentaban con puntos do código ético”, explicaba Martiño X. Vázquez. Unha decisión, a do Comité de Garantías, que xa está tomada, pero da que non se dará conta ata a asamblea da semana próxima.

De maneira paralela, Ourense en Común implementará ferramentos e protoclos “que evitarán que algo semellante volva suceder”, como a sinatura dunha carta de compromiso interna, a mellora dos protocolos de toma de decisións, sancións e expulsións, ou a elaboración dun código de bo goberno.

E finalmente, o colectivo reactiva todos os seus grupos de traballo, en particular o que está a elaborar o seu programa electoral.

Retirada do apoio de Podemos
Este luns Podemos Ourense retiráballe o seu apoio ao Ourense en Común por non cumplir o requisito de elixir os seus candidatos a través dunhas primarias abertas. Con todo, o Consello Cidadán Municipal de Podemos valora a loita política desta plataforma por cambiar a situación política do Concello de Ourense e segue a pensar que Ourense en Común “ é a única ferramenta que temos os veciños e as veciñas da nosa cidade para recuperar unha institución secuestrada”.

Nesa liña, Martiño X.Vázquez confirmaba que persoas vinculadas a Podemos seguen a traballar dentro da plataforma cidadá, e de feito “a proposta da nova lista foi transaccionada dunha persoa de Podemos”.

Compromiso por Galicia

Pola súa parte, Compromiso por Galicia informará en rolda de prensa este mércores da súa postura ao redor de todo o acontecido nas últimas semanas no seo de Ourense en Común.