O presidente da asociación de veciños Santa Teresita, Senén Rodríguez, achéganos aos problemas do seu barrio e á loita diaria coas autoridades.

 

Senén Rodríguez naceu e medrou no barrio de Santa Teresita, e leva dende neno, dun ou outro xeito, vencellado á súa asociación de veciños. De feito, na actualidade, é o seu presidente.
Pelexou sempre por solucionar os problemas da súa zona, así como apoiar a outras asociacións que o precisen, pero ve a diario como moitas das súas reclamacións (por moi imprescindibles que sexan para a vida dos veciños) non reciben resposta.

Cando se fundou a asociación?
Senén Rodríguez: “Foi fundada o 15 de xullo de 1987 por María Álvarez e Herminia Pérez, tamén estaban Xosé Martínez e Xosé Bendaño”.

Cando entraches ti na asociación?
S.R.: “Posiblemente eu leve colaborando nesta asociación desde antes de 1994. O socio era o meu pai e como eu era un neno viña ás actividades para rapaces. Logo, dependendo da xente que estivo na directiva eu formaba parte dela ou non. Volvín a entrar no 2003, ata 2010. Aí tiven que deixala por motivos persoais, e volvín entrar na directiva en novembro de 2013. Quedaron tres persoas da antiga directiva e entramos algún novos, coma min”.

Nestes anos os problemas do barrio mudaron?
S.R.: “Hai cousas que se solucionaron, pero igual non eran os problemas principais. os que causan complicacións cada dous por tres. É certo que houbo zonas do barrio que melloraron. Humanizaron algunhas rúas; e fíxose fai pouco o novo parque, unha obra bastante importante que ao barrio venlle moi ben. Pero hai outros problemas que por moitos anos que pasen seguen igual”.

Que problemas continúan?
S.R.: “Hai zonas como a da Chapa que precisa arranxos ou nas Eiroás, algunhas non teñen alumeado público, nin beirarrúas ou as rúas está en mal estado. Entre elas a Alejandro Pedrosa, que cada dous por tres dá problemas porque reventan as tubaxes da auga, e van poñendo parches pero non a arranxan como é debido. Ademais, nalgún sitio hai beirarrúas que non miden nin 50 centímetros e non permiten que transite a xente.
Tamén hai soares sen limpar; e na avenida de Santiago, os fosos onde están ubicados ás árbores que están nas beirarrúas teñen causado moitas caídas.
En canto á limpeza, estamos bastante ben, só temos problemas cos contedores, porque rompen moi a miúdo, a algún non lles funciona a palanca, e hai moitos maiores que non os dan aberto; pero é que o mantemento tiña que ser máis efectivo.
Tamén pedimos un centro de saúde. Agora vano facer no Couto, e paréceme moi ben porque o precisan, pero nós tamén. Teño a esperanza de que algún día nos fagan caso, porque acá vivimos a diario ao redor de 20.000 habitantes (15.000 deles censados), que pagan os seus impostos acá. E o centro de saúde tamén beneficiaría á zona de Cudeiro, Vilar, A Chapa e Oira.
Ademais, fai un ano pechou o local da terceira idade que tiña a casa parroquial. Polo visto o Concello non lle deu a subvención correspondente, porque houbo un erro cos papeis. Dende a AVV empezamos a mover o tema, pero non houbo resposta. E dá pena ver á xente maior sentada durante o inverno nos bancos da rúa porque non se solucione”.

Os barrios están discriminados en relación ao centro?
S.N.: “O centro veo todo o mundo e as aforas non se vén tanto; e así acá fáltannos cousas básicas. Eu vexo o que pasa noutros barrios, e todos estamos máis ou menos igual. As cousas fanse e co tempo vas vendo como vai quedando todo, porque se eu fago unha obra e non a manteño…
E se unha vez que lles comentas que hai un problema non che fan caso, a culpa é do Concello. Aos políticos os representantes veciñais estorbámoslles, somos incómodos; pero é que eles non poden mirar para outro lado. Se moitas veces os problemas que se solucionan son grazas ás AAVV, que se preocupan e insisten, facendo de vixiantes.
Por exemplo, a mellora do parque levámola reclamando 27 ou 28 anos. E sempre buscamos que fose unha infraestrutura útil para o barrio, para facer eventos, con parque infantil, zona con aparatos de exercicio para os maiores, zonas para cans. E no caso das mascotas aínda estamos reclamando, porque eles precisan un espazo amplo no que poidan correr, e se acá hai sitio non hai motivo para facela tan pequena como esta.
E iso non quere dicir que non esteamos contentos co parque, que o estamos, pero o lóxico é que fagan esa mellora de acordo coas peticións dos veciños, de maneira consensuada.
Hoxe en día os políticos están máis no deles que no do resto, e as asociacións estamos para algo. E cando vas ao Concello e ves que se traspapelan os escritos ou que non che fan caso ningún, un sente impotencia, porque non vivimos disto. Eu estou porque me gusta”.

Ademais de xestionar as peticións dos veciños, que actividades se fan nesta AVV?
S.R.: “Temos actividades subvencionadas polo Concello: pilates, bailes latinos e teatro. Ademais, nós estamos facendo un curso de informática básica e internet, pagado entre a asociación e os asistentes; e tamén temos clases de instrumentos de corda, coa colaboración da Coral Rondalla da asociación.
Así mesmo, os xoves hai ensaios da Coral Rondalla; os sábados pola mañá ensaia a nosa charanga, formada por xente nova do barrio, uns 9 ou 10; e os domingos temos unha xuntanza de donos de mascotas.
Tamén temos un punto de información no local veciñal, informando das actividades que organiza o Concello ou a asociación, e temos prensa diaria. E polas tardes, cando non hai actividades, abrimos o local para que veñan xogar as cartas.
Ademais, celebramos o magosto, o Día das Letras Galegas, a Semana Cultural, e organizamos as festas parroquiais, nas que facemos actividades para toda a familia. E tamén estamos pendentes de volver facer a baixada de carrilanas”.

Envíalle unha mensaxe aos políticos ourensáns.
S.R.: “Quero dicirlles que nós estamos acá traballando sen ánimo de lucro, sáenos do corazón. Síntome do barrio e só quero defender os seus intereses. Cando nós facemos unha protesta ou presentamos unha queixa é para que conten con nós, traballamos polo noso barrio e a nosa cidade, que non nos miren raro, temos dereito a que nos escoiten e nos dean respostas. Non estamos para facerlles a vida imposible, estamos para conseguir unha vida mellor para todos”.

E aos veciños.
S.R.: “É moi importante que colaboren, non só coa asociación. Claro que é importante ter socios, porque á hora de pedir as cousas a resposta é outra. E cando facemos algún evento tamén nos gustaría que viñera máis xente.
Pero non só é iso, teñen que pensar no que teñen ao lado, hai que axudarse uns aos outros e levarse ben. Se quedamos quietos non vai cambiar nada, hai que reivindicar xuntos os nosos dereitos para ter unha vida mellor”.