Marga Martín, Barquero e Juana Ageitos

En Xunta de Goberno local, onde tamén se asinou o convenio con 10 empresas para as prácticas de Ourense Inserta, e cos praceiros para poder instalar o ascensor e novo pavimento na Praza de Abastos.

 

As concelleiras Marga Martín e Juana Ageitos e o edil José Ángel Vázquez Barquero informaron dos acordos máis relevantes da Xunta de Goberno local celebrada este mércores. Entre eles, a aprobación das bases da convocatoria de axudas para comedores escolares e libros de texto para o curso 2015/16.

Así, poderán optar a estas subvención as familias empadroadas en Ourense con máis de tres meses de antigüidade, con fillos escolarizados en centros públicos ou concertados que non segreguen por sexo, e con ingresos inferiores a 3.500 euros per cápita ao ano. No caso de familias monoparentais ou con algún dos seus membros con discapacidade esta cifra se aumenta.
A axuda é no caso de libros e material de texto para o alumnado de Infantil (90 euros para os de 3 anos, 110 euros para os de 4 e 125 euros para os de 5 anos), e no caso dos comedores para estudantes de Primaria e Secundaria (acceso ao comedor gratuíto nos centros públicos e axuda de 45 euros para os concertados).

Neste curso a convocatoria do Concello de Ourense beneficiou a 254 menores no caso de axudas para libros e outros 577 para comedores escolares.

Praza de Abastos
Outro dos acordos da Xunta de Goberno local foi a sinatura do convenio entre o Concello de Ourense e os comerciantes para realizar as obras de instalación do ascensor e do novo pavimento na Praza de Abastos nº1 de Ourense. Segundo confirmou a titular de comercio, Juana Ageitos, agora só está pendente a sinatura do convenio coa Xunta para garantir os fondos (100.000 euros) para esta actuación, que quedara pendente do ano pasado por falta de tempo para executala antes do remate do exercicio.

Ourense Inserta
Ademais, Vázquez Barquero deu conta de que nesta mesma sesión asináronse convenios con dez empresas para a realización de prácticas non laborais por parte de 80 desempregados que participan no programa de inserción sociolaboral Ourense Inserta.
O concelleiro socialista tamén informou da apertura das pozas do Muíño da Veiga, xa operativas logo das inundacións deste inverno.