Claustro de San Francisco

Con motivo das boas previsións de afluencia de turistas na nosa cidade nestas datas.

 

O Goberno municipal de Ourense chegou este mércores a un acordo coa empresa que xestiona a apertura do Claustro de San Francisco e o centro cultural Ángel Valente -Serviguide-, para que manteñan abertos os dous espazos culturais o Xoves e o Venres Santo, ademais dos habituais horarios da fin de semana. Asemade, acordou abrir tamén durante as festividades o Centro de Interpretación das Burgas. Deste xeito o Concello quere garantir que estes espazos culturais poidan ser visitados polos turistas que se acheguen á cidade nestas datas.

O claustro gótico de San Francisco, reaberto ao público en xuño de 2013, é un dos claustros franciscanos de transición entre os estilos románico e gótico mellor conservado de Galicia. Son destacables tanto a súa arquitectura como a escultura. O claustro é a peza máis antiga do convento, pertencente ao período de 1325 e 1350. Presenta unha planta irregular, con tres series de arcadas lixeiramente apuntadas con columnas dobres por un lado sobre unha base de fábrica. Abre de xoves a sábado de 11:30 a 13:30 e de 17 a 20 horas, e domingo de 11:30 a 13:30 horas.

O Centro Cultural Ángel Valente acolle desde a súa reapertura en xuño de 2013 numerosas actividades de distintos ámbitos, como encontros termais, xornadas de traballo sobre novas tecnoloxías, celebración de foros e conferencias, actuacións da banda municipal de música e outros actos públicos. Actualmente, acolle a exposición “Ourense imaxinado”, un percorrido por unha cidade imaxinada, inexistente pero recoñecible, a través de dez proxectos non realizados ao longo dun século (1913/2013). Está aberto ao público de xoves a sábado de 11 a 13:30 e de 18 a 21:30 horas, e domingo de 11 a 13:30 horas.

O Centro de Interpretación das Burgas é un espazo para a investigación e divulgación do patrimonio arqueolóxico-termal que permite ao visitante facerse cunha concepción global do termalismo mediante ferramentas e propostas audiovisuais interactivas, afondando na historia e cultura da nosa cidade. A visita complétase coas pezas distribuidas no bulevar peonil que atravesa a explanada, conectando a rúa das Burgas coa do Baño. O Centro de Interpretación, con entrada pola rúa do Vilar (aínda que tamén accesible desde o bulevar), conta con 5 salas expositivas, unha de lectura e dous de audiovisuais que convidan aos visitantes a coñecer mellor o máximo patrimonio da cidade, as súas augas termais. Pode visitarse de xoves a sábado de 10 a 13 e de 17 a 20 horas, e domingo de 10 a 13 horas.

O Concello tamén informou que as termas do Muíño da Veiga volven estar operativas, tralas inundacións do inverno, e súmanse aos espazos termais da capital ourensá: Chavasqueira, Outariz e As Burgas.