Jesús Vázquez

O 8 de abril presentará o programa electoral e o día 13 a candidatura.

 

O candidato do PP á alcaldía de Ourense, Jesús Vázquez, abriu este mércores a súa oficina de campaña na primeira planta do número 1 da rúa Xaquín Lorenzo “Xocas”, en pleno centro de Ourense, fronte ao parque de San Lázaro, que permanecerá aberta ata o 24 de maio.

Un local polo momento sen ningunha referencia ao Partido Popular, pois os carteis só indican “Jesús Vázquez. Candidato Ourense 2015”. “Se non hai será un lapsus”, xustificou o candidato, e recalcou que el era “unha persoa de partido, todo o mundo me identifica co partido”.

As ventás desta oficina serán cubertas semana tras semana coas letras da cidade e cunha idea do programa. “Empezamos pola O e a palabra normalidade, iso é o que buscamos”, explicou Vázquez. E o que todo o mundo lle reclama, segundo impresións tiradas nas máis de 250 reunións de precampaña nas que leva participado.”As palabras que case todo o mundo emprega son normalidade e ilusión”, apuntou.

O candidato popular anunciou que o vindeiro mércores 8 de abril presentará o seu programa electoral, que será “asumible e realista, escapando das grandes promesas e dos grandes incumprimentos”, e que o luns 13 presentará a candidatura. Unha lista que xa está “moi avanzada” e na que é posible que haxa independentes, aínda que Vázquez prefire denominalos “xente comprometida coa cidade e co programa do PP”. “Á xente non lle pregunto que carné ten, pregúntolle que lle pode aportar á cidade de Ourense, pídolle entrega, dedicación máxima e que traballen por esta cidade”, engadiu.

Preguntado polo custo da campaña electoral, o candidato á alcaldía de Ourense polo PP explicou que os datos “serán públicos” e que actuarán “de maneira transparente”.