Consideran que o momento escollido pola Xunta para a publicación desta mellora é un “alarde de imaxinación propagandística”.

A Xunta de Galicia vén de facer público as obras de conexión que levarán a cabo, por un valor de 15 millóns de euros financiados polos Fondos Feder e incluídas no programa de mellora da competitividade empresarial, entre o polígono de San Cibrao das Viñas e a autovía A-52.

Con motivo deste anuncio, o BNG ven de destacar a súa “extemporaneidade, tendo en conta que fai catro meses cando se aprobaron os orzamentos da Xunta para 2015 non se contemplaba nin de lonxe unha actuación deste tipo”, destacan. Polo que fan fincapé en que “curiosamente no día en que se publica no BOE a convocatoria de eleccións municipais e cando xa non se poden facer inauguracións o Goberno Galego ten este alarde de imaxinación propagandística”.

Con todo, os nacionalistas non dubidan da necesidade desta mellora. “Fai tres anos, cando se someteu a información pública o chamado plan de infraestruturas viarias supramunicipais de Ourense, no que estaba inserida esta actuación motivou numerosas alegacións sen que nos conste que a día de hoxe o Goberno Galego teña feito pública a resolución adoptada ao respecto”, explican.

Como consecuencia, o grupo nacionalista trasladará ao Parlamento Galeco “o sentir de numerosas persoas e colectivos veciñais da zona, que denuncian a falta de transparencia coa que se está actuando neste asunto”, tanto no relativo aos termos das construción (prazos, inicio, etc), como en aclarar cal foi o trazado escollido pola administración “coa finalidade de que se poida determinar a afección que provoca e polo tanto a correlación custes/beneficios”, conclúen.