Jonathan Domínguez e Pérez Bouza

A formación galeguista decidirá a próxima semana se concurre ás municipais de xeito individual.

 

O coordinador territorial de Compromiso por Galicia en Ourense, Xosé Manuel Pérez Bouza, e o coordinador comarcal, Jonathan Domínguez, compareceron este mércores ante os medios de comunicación para responder ás “acusacións” das últimas dúas semanas, “froito de intereses escuros por parte dalgúns en Ourense en Común que querían impoñer unha lista”, afirmou Domínguez.

O coordinador comarcal explicou que Compromiso por Galicia nunca fixera “un apoio explícito e formal a Ourense en Común” nin realizou “ningún tipo de mobilización por parte da organización ao servizo de ningunha persoa”. O coordinador territorial engadiu que foi “Ourense en Común quen chamou á porta de Compromiso por Galicia” e que os seus afiliados que participaron na plataforma cidadá fixérono a título persoal; “aceptaron o que xa se fixera e todo o que se acordou a posteriori por maioría”.

Eses mesmos afiliados, entre os que están os candidatos Xosé Mosquera e Ana Bande, decidiron a última hora deste martes abandonar a súa actividade en Ourense en Común en vista do ocorrido dende as eleccións primarias da fin de semana do 14 e 15 de marzo.

Analiza Pérez Bouza como foron cambiando as tornas desde o remate das votacións, “nun primeiro momento se considera positivo que houbvera unha participación tan alta, non se falou de carretaxe”, ata coñecer o escrutinio total, “cando empeza a porse en cuestión o resultado e se empeza a urdir unha trama para botalo abaixo”. “O máis grave é que se insulta aos 1.566 cidadáns que participaron nese proceso”, sinalou o coordinador territorial. “Non pode ser que cando se decide algo que non gusta se di que os votantes foron carrexados e manipulados, non é propio de persoas que respetan a democracia”, conclúe Pérez Bouza.

Decisión sobre se concurren ás municipais

Os integrantes de CxG danse uns días de reflexión e o martes que vén celebrarán asamblea para decidir se finalmente se presentan ás eleccións municipais ao Concello de Ourense. Todo parece indicar que si, afirmou Pérez Bouza, que sinalou tamén que Xosé Mosquera segue sendo o candidato, “outra cousa é as gañas que el teña de afrontar este proceso”.