Contacontos, obradoiros de manualidades, visitas guiadas e conferencias son algunhas das actividades que a instalación acollerá nas próximas semanas.

 

A Biblioteca Pública Municipal de Verín promove a realización dun ciclo de actividades culturais e lúdicas ao longo das próximas semanas baixo o nome ‘Abril, mes dos libros’.

A primeira das actividades será o contacontos e obradoiro de manualidades “O xigante sen corazón”, que se celebrarán o 10 de abril, de 18 a 19.30 horas. Esta iniciativa está destinada a un máximo de 20 nenos socios da instalación, de entre 3 e 9 anos, e consistirá na realización de contacontos de xigantes e como manualidade un corazón de cartolina.

Os días 14 e 15 de abril, os alumnos do CEIP Princesa de España visitarán a Biblioteca de 11 a 12.30 horas. Neste percorrido coñecerán o servizo bibliotecario e funcionamento do mesmo -que inclúe tamén explicación de todos os espazos físicos-; así como, as diferentes actividades educativas e lúdicas que se programan ao longo do ano.

Xa o 17 de abril, de 18 a 19.30 horas, terá lugar o contacontos e obradoiro de manualidades “Animais de conto”, tamén limitada a 20 participantes, socios da instalación e con idades comprendidas entre os 3 e os 9 anos.

Coincidindo co Día do Libro, o 23 de abril, a Biblioteca de Verín acollerá a presentación, ás 19.30 horas, da obra “Vaivén de recuerdos” de Doli Pereira, na que realizará unha viaxe da man de poemas escritos para os seus amigos nas primeiras situacións da vida. É un canto á amizade, amor e, por suposto, ao desamor. A entrada é libre.

Ao día seguinte, 20 cativos poderán participar no contacontos e taller de manualidades do “Día do Libro”, no que os máis pequenos confeccionarán marcapáxinas de cartolina e goma eva.

Por último, o 30 de abril, ás 19.30 horas, celebrarase o relatorio “Os Maios” a cargo de Clodio González Pérez e José Luis Cruz, que terá entrada libre. No mesmo estes dous expertos na nosa etnografía realizarán unha aproximación histórico-antropolóxica ao ciclo dos Maios. Entrada libre.

As actividades con prazas limitadas precisan de inscrición previa, que pode facerse na biblioteca ou no 988 41 36 24.