O Teatro Principal acolle os días 11 e 12 de abril unha dobre función da comedia que en poucas semanas conquistou a máis de 6.500 espectadores.

 

Os actores Antonio Durán Morris e Pedro Alonso subiranse o sábado día 11 ás 20.30 horas e o domingo día 12 ás 19 horas ao escenario do Teatro Principal de Ourense para representar a comedia “O Crédito”. A última obra do coñecido como «rei da taquilla do teatro español», o dramaturgo Jordi Galceran, é unha comedia bancaria “con todas as garantías” da que existen 15 versións distintas e que nos escenarios do país leva conquistados 6.500 espectadores cunha completa xira que chega neste mes de abril ao seu fin.

A desta fin de semana en Ourense é unha das poucas ocasións que restan para gozar cos diálogos áxiles e frescos, as situacións divertidas, os xiros imprevistos e as respostas ácidas sempre listas nas bocas e Morris e Pedro Alonso. O Crédito é un texto excepcional e a versión galega, coproducida por Eme2 e Tanttaka, conta cunha coidada posta en escena dirixida por Fernando Bernués, un referente do teatro estatal que puxo o acento na “humanidade” da obra. “Esta comedia trata de como unha acción inxenua, absurda, disparatada pode poñer patas arriba a vida de alguén e facer que o castelo de seguridade que tiña montado salte polos aires”, resume Bernués, “e nós só intentamos retratar con honestidade e verdade esa vulnerabilidade que teñen as nosas vidas”.

Para facelo, ademáis de co texto de Galceran, Bernués conta co excepcional traballo de dous actores moi coñecidos e queridos polo público galego: Antonio Durán Morris e Pedro Alonso. Segundo dixo Jordi Galceran esta mañá nun encontro coa prensa, “o éxito dunha comedia como O Crédito depende tanto do texto como dos actores, que deben facer críbles os personaxes”. Morris e Pedro Alonso afrontan o reto ofrecen aos espectadores un duelo interpretativo maxistral.

Mercedes Castro, produtora da obra, recorda que “velos xuntos sobre o escenario é un luxo, unha oportunidade única, estando como están os dous nun momento creativo especialmente frutífero”. “Morris comezou este 2015 en estado de graza audiovisual, con dúas películas nas carteleiras comerciais do país -A Esmorga e Os Fenómenos- e un papel fundamental na miniserie O Códice, da TVG”, engadiu, “e Pedro ven de gravar unha serie que axiña se emitirá no Estado, despois do éxito de Gran Hotel”. “Tanto Morris como Pedro Alonso están xa metidos en novos proxectos para a televisión, polo que cómpre aproveitar esta oportunidade que temos de velos agora no teatro, nas distancias curtas”, conclúe Mercedes Castro.

 

A crítica
“É unha peza sinxela e áxil, está decidida a divertir sen ter que baixar moito nos clixés do humor e deixando que os seus personaxes sexan suficientemente humanos. Deixando que o espectador perciba algo da crueldade innata deste rol: Porque a obra é unha comedia, pero o público pode percibir ese fondo das cousas, a circunstancia atrapada dos personaxes.”, Camilo Franco en RGT e no Diario Cultural.

“O surrealismo invade a vida de dous personaxes desesperados, no que o delirio converte a situación nunha fonte de absurdo, humor e gargalladas do público”, Alberto Ramos en Praza.

Dela dixo tamén a prensa especializada que pon «o enxeño ao servizo dos malos tempos» (Juan Carlos Olivares. Time Out), que «non deixa un momento de respiro ao espectador» (José Carlos Sorribes. El Periódico de Catalunya) e que é unha «boa comedia, da que esperta paixóns e que termina sendo un fenómeno de masas» (Marti Figueras Martínez. Más Teatro).