O obradoiro, que se celebrará os sábados pola mañá en sesións teóricas e prácticas, manterá a inscrición aberta ata este venres, 10 de abril.

Coa intención de desenvolver unha actitude curiosa e lúdica cara ao mundo da fotografía e aprender a falar con imaxes, a Concellería de Educación organiza un obradoiro para nenos e nenas, denominado “Coñece Ourense a través da Esmorga”. Tratase de oito sesións de dúas horas e media teóricas e tres horas prácticas, nas que nenos e nenas de 8 a 14 anos se internarán no mundo da fotografía aprendendo as bases da linguaxe fotográfica e da narración visual.

O obradoiro servirá de reflexión sobre a imaxe, e como comunicar diferentes ideas a través dela, facendo especial fincapé na cidade de Ourense e no relato da novela “A Esmorga”. Será impartido por Cristina Blanco e María Cerro, as dúas con experiencia traballando cos nenos e as nenas, en campos relacionados coa fotografía e as técnicas dixitais.

Terá lugar os sábados a partir do 11 de abril, en horario de 11 a 13:30 h -ata as 14 horas as sesións prácticas-. Ao final do obradoiro, os coñecementos adquiridos reflexaranse nunha exposición no Museo Municipal, resultante das fotografías tomadas.

Para participar, non é necesario ter coñecementos previos de fotografía, soamente é necesario ter unha cámara dixital ou un móbil con cámara. A inscrición pode formalizarse na Concellería de Educación, de 9 a 14 horas ata este venres, 10 de abril, ou a través dos emails info@123queves.com e educa.programas2@ourense.es.