Trala desvinculación de Podemos, Compromiso por Galicia e Iniciativa por Ourense, a plataforma cidadá realizará unha votación o sábado 11 para elixir entre 10 nomes a persoa que encabece a súa candidatura.

Este domingo 5 de abril remataba o prazo para solicitar o voto telemático entre os máis de 1.600 asinantes do manifesto inicial de Ourense en Común. Só os que acrediten ter algunha vinculación coa cidade poderán votar deste xeito ou presencialmente o vindeiro sábado 11 de abril para ordenar os dez primeiros integrantes da candidatura, elixidos en asamblea durante a Semana Santa.

Optan a encabezar a lista Montse Valencia, Mavi Calviño, Montse Malvar, Ledicia Piñeiro, Tania Bouzo, Carlos Miguélez, Emilio Rodríguez, Javier Octavio de Toledo, Martiño Xosé Vázquez e Miguel Doval. Un grupo de traballo no seo de Ourense en Común elixiu estes nomes entre os candidatos iniciais en base a criterios como participación, implicación e capacidade.

Para poder participar nesta votación é preciso xustificar a vinculación co Concello de Ourense mediante un dos seguintes documentos: DNI, Pasaporte ou Tarxeta de Identificación de Estranxeiro. De non figurar un enderezo pertencente ao Concello de Ourense nos anteriores ademais será necesario presentar un documento que acredite o vínculo co devandito concello, e que poderá ser un dos seguintes: Certificado de padrón, Matrícula en centros educativos regrados, Imposto de vehículos, IBI, Contrato rexistrado de arrendamento e Factura de subministracións.

A plataforma perde apoios
Trala desvinculación de Podemos –ao non escollerse os membros da lista mediante unhas primarias abertas- e dos militantes de Compromiso por Galicia – polas acusacións recibidas de ‘carretaxe’ durante as primarias anuladas- o último en descolgarse de Ourense en Común foi Marcos Guimarey, de Iniciativa por Ourense.

Segundo indica nun comunicado, Guimarey cre que dentro de Ourense en Común “se xeraron dinámicas que poden desilusionar e desmobilizar a unha parte importante da cidadanía, esperanzada cun outro xeito de facer política”. “As mudanzas de criterio ao longo do proceso, acompañadas dun incipiente número de grupos de presión no seo do movemento e rematadas pola anulación dun proceso de primarias, que se vai repetir sen grandes garantías de non volver caer nos mesmos erros, son algúns dos síntomas percibidos”, explica o responsable de Iniciativa por Ourense.

Guimarey tamén cuestiona que a plataforma cidadá non teña aínda decidida “a relación que van ter os membros elixibles coa cidadanía; se simplemente van ser voceiros das asembleas do común ou se dalgún xeito van ter capacidade de goberno. Gobernar implica responsabilidade, implica motivar as decisións e asumir erros; non trasladar estas decisións á asemblea, fuxindo das obrigas como representantes públicos”.

Iniciativa por Ourense (IpOu) decidirá o 14 de abril se se presenta de maneira individual ás eleccións. Tamén Compromiso por Galicia ten intención de acudir en solitario aos comicios, decisión que tomará en asamblea este martes 7 de abril.