Conducía de forma temeraria pola avenida de Zamora poñendo en risco aos demais vehículos.

O pasado 2 de abril unha patrulla da Policía Local de Ourense observa ao redor das 23 horas un vehículo que se incorpora de forma temeraria, a velocidade inaxeitada, á glorieta da avenida de Zamora con Nosa Señora da Saínza. Tras esta infracción o vehículo continúa a gran velocidade cara as aforas da cidade poñendo en risco aos demais vehículos. Polo que a patrulla dalle o alto con sinais luminosos e visuais, pero o condutor fai caso omiso aos mesmos, comezando unha persecución que remata na rúa Eduardo Pondal, onde os axentes logran cortarlle o paso.

Nese intre, dende a central da Policía Local avisan dun vehículo similar ao interceptado (un mercedes Clase A) que uns minutos antes circulaba de maneira inaxeitada, inclusive en dirección contraria, polas rúas Coruña e Benchosey, estando a piques de producir un accidente de tráfico.

Unha vez lle realizan o test de alcoholemia ao condutor do turismo (un varón de 34 anos veciños da capital) comproban que duplica a taxa máxima permitida, polo que os axentes proceden á súa detención por un presunto delito contra a seguridade vial e instrúense dilixencias xudiciais.