A sesión, organizada polo CPETIG, terá lugar na Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense este martes, de 16.00 a 20.00 horas.

 

O director de LIFe, Laboratorio de Informática Forense Europeo, José Luis Rivas, vai presentar tres casos prácticos de delitos tecnolóxicos no contexto da Xornada de Informática Pericial que terá lugar o 7 de abril en Ourense, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, CPETIG. Un ataque a un servidor dunha universidade, unha posible fuga de información nunha empresa por parte dun traballador e un call center con software problemático son os tres casos elexidos polo experto.

A sesión, prevista de 16.00 a 20.00 horas na Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo en Ourense, está estruturada en dúas partes nas que intervirán como relatores Víctor Salgado, avogado-socio do bufete Pintos&Salgado, e José Luis Rivas.

Os contidos da xornada teñen a singularidade de misturar unha sólida parte teórica coa parte de exposición de casos prácticos. Victor Salgado centrará o seu relatorio na normativa procesal pericial e na normativa substantiva da pericia tecnolóxica, con referencia ao dereito informático, á propiedade intelectual e aos delitos tecnolóxicos, como a defraudación electrónica. Na segunda parte da xornada, José Luis Rivas abordará inicialmente a orixe da análise forense e rematará o seu relatorio coa exposición dos casos prácticos citados.