Na sesión tomará posesión o novo concelleiro de Democracia Ourensana, Manuel Álvarez.

 

O Concello de Ourense celebrará pleno ordinario o vindeiro venres 10 de abril. Nel, a corporación deberá pronunciarse sobre o interese xeral da iniciativa sobre “limpeza viaria no rural” presentada pola Agrupación de AA.VV Miño, e se a aceptan, será un representante deste colectivo veciñal quen explique a súa proposta.

No apartado de mocións dos partidos políticos, BNG presenta tres, Democracia Ourensana dúas, e PP e PSOE unha.

En concreto, o Bloque pedirá a recuperación da concesión administrativa da cafetería anexa ao Hotel San Martín, que se constrúa un campo de fútbol na zona da Carballeira como contemplaba o Plan de 1986; e que se ofreza vivenda de protección social para as persoas afectadas por desafiuzamentos en Ourense.

Democracia Ourensana, pola súa banda, quere que se axuste á baixa o custo da Banda Municipal de Música, e que se adopten medidas para conseguir unha rebaixa no prezo do párking do CHUO para o usuario.

O Partido Popular solicita a declaración oficial de Ourense como cidade accesible para as persoas con intolerancias alimentarias, mentres que o PSdeG quere que a corporación rexeite a privatización dos rexistros civís.

Na mesma sesión proporase a adhesión do Concello de Ourense á “Asociación de Cemiterios significativos de Europa”, e darase conta do informe trimestral de tesourería de facturas sen tramitar no 4º trimestre 2014 e sobre o período medio de pago correspondente ao mes de febreiro de 2015.