Será este xoves no Teatro Principal. Ademais, o Auditorio Municipal acolle esta semana actividades para escolares e un concerto de corais.

Este xoves 9 de abril regresa o ciclo de música Enclave de Cámara coa actuación do Cuarteto Attacca, ás 20.30 horas no Teatro Principal. O Cuarteto Attacca é unha das formacións de cámara emerxentes máis destacadas dos Estados Unidos, sendo desde maio de 2014 o novo cuarteto residente do Metropolitan Museum of Art de Nova York. No seu programa interpretarán pezas de Beethoven, Jonh Adams e Leo Janácêck, divididos en dúas partes.

Pola súa banda, o Auditorio Municipal acollerá ese mesmo día pola mañá, ás 10 horas, a Festa da Lingua, actividade onde participarán escolares de diferentes colexios nunha xornada de convivencia con concertos, visitas culturais, xogos tradicionais, encontros con autores… etc. Unha festa que se repetirá novamente no auditorio os días 29 e 30 deste mes.

Xa o venres 10 dea bril – ás 10 e 12 horas – o Auditorio recibirá a visita de Odaiko Percussion para ofrecer un concerto a alumnado escolar baixo o título “Invención”. E o sábado ás 20 horas, será a quenda das corais, nun concerto homenaxe a distintas agrupacións da provincia no seu aniversario.
Finalmente, o domingo ás 12 horas, continúa a programación infantil co espectáculo “Cocido Sinfónico”, da compañía Os tres tenedores que ofrecerá un espectáculo dirixido a público infantil maior de 4 anos.

A maiores, a Banda Municipal de Música de Ourense, continúa cos seus concertos semanais os venres ás 20 horas no Liceo.