A Concellería de Saúde de Ourense e unha trintena de entidades, asociacións do ámbito da saúde e colexios profesionais divulgarán o labor que desenvolven na cidade no XII Paseo pola Saúde, que se desenvolverá o mércores 8 e o xoves 9 de abril, na Alameda.

De 11 a 14 e de 17 a 20,30 horas, as persoas que visiten a feira coñecerán os servizos que prestan estas entidades, as campañas de información e sensibilización que están a desenvolver na actualidade e poderán realizar rexistros sanitarios gratuítos, de tensión arterial, glicosa, tensión ocular ou latexo fetal.

A Concellería de Saúde, que organiza esta feira, divulgará os seus programas e servizos, facendo especial fincapé na divulgación do lema mundial elixido pola Organización Mundial da Saúde para o Día Mundial do presente ano 2015: “A inocuidade dos alimentos”. A Concellería difundirá boas prácticas agroalimentarias e como aplicar boas pautas de alimentación na vida diaria.

O Paseo pola Saúde márcase como obxectivo promocionar o asociacionismo na área da saúde, poñer en valor o traballo que realizan as asociacións na cidade, fomentar o intercambio de experiencia entre estas, así como contribuír á información e formación da cidadanía sobre estes aspectos.

As actividades continuarán cun ciclo de obradoiros: “5 Claves na hixiene e a seguridade alimentaria”, que se desenvolverán no Centros Cívico A Cuña o día 14 de abril de 18h a 19h, no Centro Municipal de Promoción da Saúde, o día 15, de 18.30 a 19.30, o Centro Cívico A Ponte, o día 22, de 17h a 18h, o Centro Cívico Colón, o 23, de 18h a 19h e no Centro Cívico Seixalbo, o 24 de abril de 18h a 19h.

O curso de Manipulador/a de alimentos será o 16 de abril de 9.30h a 14.30h, no Centro Municipal de Promoción da Saúde. Neste caso é necesaria a inscrición previa. As actividades rematarán o 17 de abril coa “Andaina para todos/as”: Ruta do castro de Santomé, de 10h a 13h, con saída e chegada á Alameda.