Rivero, alcalde de Cualedro, vén de dimitir como deputado provincial por posuír parte do accionariado dunha empresa que prestou servizo á institución provincial.

Os representantes do BNG na Deputación de Ourense veñen de mostrar as súas dúbidas en canto ás explicacións dadas por Luciano Rivero, alcalde de Cualedro, sobre a súa demisión como deputado provincial. Rivero renunciou á súa acta este 8 de abril tralo informe emitido polo secretario xeral da Deputación de Ourense sobre a prohibición de contratación para as persoas xurídicas participadas polos deputados provinciais, debido ao caso concreto que atinxe á sociedade Abrea Cuquejo, S.L., na que o rexedor de Cualedro ten unha participación social do 16,66 %. Segundo aclara o informe, Abrea Cuquejo, S.L. suministrou á Deputación entre 2010 e 2013 a cantidade de 151.485,67 euros en combustible para os vehículos da institución.

“Escudarse en que a facturación realizada á citada empresa debeuse a un erro administrativo, e algo así como dicir que o Pisuerga pasa por Ourense”, comentan os nacionalistas. “Tería dimitido este deputado se non se fixeran públicas as súas prácticas corruptas? A resposta é moi sinxela: non”, denuncian, “porque foi o que estivo facendo durante todo este tempo no que facturou máis de 150.000 euros á institución provincial pola calada”, lembran. “De ahí que non resulte críbel, nin el, nin o presidente da Deputación cando falan de exemplariedade na toma de decisión”, critican.

De feito, os nacionalistas van máis aló, e pídenlle a Rivero “que faga o propio no concello e que deixe a alcaldía, porque o que acaba de facer incapacítao para seguir sendo alcalde e ser merecente da confianza dos veciños do seu concello”, conclúen. Así mesmo, esíxenlle a Manuel Baltar que no vindeiro pleno da Deputación Provincial informe de se hai outros deputados nunha situación semellante á de Rivero.