Os responsables directivos da Xerencia estiveron en todo momento ao fronte da situación de sobre aforo producida no hospital ourensán despois da ponte de Semana Santa.

 

En resposta a un comunicado da Comisión de Centro do CHUO, a Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras defende «que a calidade asistencial prestada e a seguridade dos pacientes no servizo de Urxencias do CHUO está totalmente garantida, e que os responsables directivos da Xerencia estiveron presentes, en todo momento, ao fronte da situación de sobre aforo producida no hospital despois dos días da ponte de Semana Santa».

Esta situación de sobre aforo nas instalacións do Servizo de Urxencias veu provocada polo considerable aumento do número de ingresos de pacientes afectados por infeccións respiratorias, pacientes crónicos, e descompensados con múltiples patoloxías e de idade moi avanzada, o que provocou un considerable incremento na porcentaxe de ingresos nas plantas de hospitalización. «Asemade estes ingresos de pacientes envellecidos e pluripatolóxicos requiren maiores coidados e polo tanto esixen unha maior estancia media no seus procesos de ingreso hospitalario», concreta a Xerencia nun comunicado.

Segundo este escrito remitido aos medios de comunicaicón, o tempo de resposta no Servizo de Urxencias foi «o axeitado en todo momento» e mantívose a calidade asistencial aos usuarios «grazas ao esforzo, implicación e o traballo do todos os profesionais sanitarios e non sanitarios deste servizo».

Con todo, desde a Xerencia lamentan o trastorno ocasionado aos pacientes e usuarios polos tempos de espera na súa atención e as incomodidades sufridas no Servizo de Urxencias do CHUO, e lembran importancia de facer un bo uso dos dispositivos asistenciais urxentes, acudindo preferentemente aos centros da Atención Primaria en xornada ordinaria.