A mostra “Esculturas do día a día” poderá visitarse ata o 7 de xuño.

 Soledad Penalta é, hoxendía, a gran dama da escultura galega contemporánea pero Ourense aínda non acollera unha exposición monográfica sobre o seu traballo. Pero ata o vindeiro 7 de xuño o Centro Cultural “Marcos Valcárcel” acolle a exposición “Esculturas do día a día”.

Soledad é unha escultora de raza, que dende o ano 1972 traballa neste oficio onde a traxectoria vaise conformando día a día, como suxire o título da súa exposición, que nos amosa o seu traballo máis recente, elaborado con ferro, aceiro inoxidable e aceiro corten.

As súas obras teñen en común unha linguaxe persoal deixando un amplo marxe de interpretación para que o espectador complete o sentido de cada peza, onde as palabras e a súa propia caligrafía aparecen de maneira insistente invitando sempre á busqueda dun equilibrio armónico e con notables connotacións poéticas.

Son da súa autoría numerosos monumentos públicos de gran formato, traballo no que se atopa especialmente cómoda. Tamén esta presente a súa obra en numerosas colección públicas e privadas. Con premios a nivel nacional e internacional, a súa escultura ten percorrido bienais como as de Florencia ou cidades como París, Sao Paulo, Tokio, Minnesota ou Tel Aviv, entre outras. Recentemente, acaba de ser galardoada co Premio Barbantia da Cultura 2015 polo seu labor artístico.