Anova-Irmandade Nacionalista de Ourense celebrará unha nova asemblea o próximo luns 13 de abril para valorar as alternativas e tomar unha decisión sobre as próximas eleccións municipais.

Nunha asemblea celebrada este mércores, Anova valorou a continuidade ou retirada do apoio á plataforma Ourense en Común. Tras un longo debate no que se expuxeron opinións tanto a favor como en contra de continuar na plataforma moitos militantes valoraron que Ourense en Común «xa non era o lugar de confluencia que pretendía ser no seu inicio e máis despois da retirada do apoio de organizacións como Podemos, Compromiso por Galicia, Iniciativa por Ourense e outros referentes sociais da cidade así como de numerosas persoas que tiñan colaborado dende o inicio da plataforma».

Un 20% da militancia votou a favor de manter o apoio da organización nacionalista a Ourense en Común mentres que un 57% da militancia votou a favor de retirarlle o apoio á plataforma. A abstención obtivo un 23% dos votos da militancia.

Anova-Irmandade Nacionalista decidiu retirar o apoio coma organización política ao proxecto de Ourense en Común, «dados os acontecemos das últimas semanas no que desde o noso punto de vista se abandonaron os valores e principios fundacionais da plataforma e deixou de ser o proxecto rupturista que aporte solucións á cidadanía de Ourense».