Oitenta participantes realizarán prácticas nun ámbito laboral real nos ámbitos de intervención do proxecto: atención sociosanitaria, medio natural e hostalería.

 

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou a sinatura de 13 novos convenios de colaboración con outras tantas empresas da cidade para a realización de prácticas non laborais en empresas no marco do proxecto de inserción sociolaboral Ourense Inserta, destinado a persoas con especiais dificultades de acceso ao mercado laboral.

O obxectivo prioritario do programa, que se puxo en marcha a mediados do ano 2012 é fomentar a creación de emprego de calidade entre persoas con dificultade de acceso ao mercado laboral, o igual que o obxectivo destes 13 convenios que permitirán que 80 persoas desempregadas realicen prácticas nun entorno real de traballo, tendo a oportunidade de aumentar así o seu currículo profesional, o que lles axudará no acceso a un emprego estable.

Outros 10 convenios
Dentro deste mesmo programa, a Xunta de Goberno Local aprobou na súa sesión da semana pasada outros 10 convenios de colaboración para a realización de prácticas de formación sociolaboral, no marco do proxecto Ourense Inserta. Neste caso serán os participantes nos cursos de operacións básicas de restaurante e bar e operacións básicas de cociña. Estes 10 convenios permitirán que máis de 25 persoas realicen prácticas nun entorno real de traballo e completen a formación teórica recibida, podendo así acadar o correspondente certificado de profesionalidade.