A Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras nega estas acusacións e asegura que se incorporará outro facultativo e non se ampliarán os tempos de espera.

 

O voceiro do grupo socialista en Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, asegura que Freire Couto incorporouse á praza de médico en Barbadás como «trampolín político» e “agora trasládase a San Cibrao e a situación sanitaria dos usuarios de Barbadás queda nunha situación preocupante”.

Segundo o PSOE, a partir do momento no que Freire se incorpore ó seu novo destino o médico Alfonso Patricio asumirá as horas que dedicaba o alcalde de Barbadás aos seus pacientes. Patricio atende na actualidade 1.800 cartillas na Valenzá e tamén aos pacientes da zona de Barbadás e pobos limítrofes. Dende a marcha de Freire Couto terá que atender 500 usuarios máis. O que se traduce na súa xornada laboral, en 4 horas adicadas ao centro da Valenzá e 2 e meisa ao de Barbadás.

“Esta perda de profesionais terá efectos negativos coma o aumento do tempo de espera para acudir ao médico de familia, que pasará a ser de 1 semana”, reclaman os socialistas.

Para o líder do PSOE, Xosé Carlos Valcárcel, non é lóxico que un concello como Barbadás pase de ter 5 médicos de familia a 4, tendo en conta que a poboación supera os 10.500 habitantes. E lembra que “levamos máis de unha década agardando por un novo centro médico”. Ademais, insiste en que existe unha manipulación informativa en torno a este asunto porque “xa hai anos que tiña que estar licitado e agora resulta que o proceso dilátase no tempo e como colofón en lugar de dar pasos hacia diante, a Xunta está actuando de xeito contrario”.

Por iso, os socialistas amósanse totalmente en contra desta merma no número de profesionais e lembran que sería preciso aumentar non só os médicos de familia, senón tamén o servizo de pediatría. Así mesmo, aseguran que a falta de servizos sanitarios dignos “fomenta que a xente que veu de Ourense a vivir a Barbadás manteña o seu médico na capitaliade” e que o número de censados non se corresponda coa cantidade de tarxetas sanitarias adscritas.

 

A Xestión Integrada asegura que un novo facultativo se incorporará o luns

A Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras saíu ao paso das acusacións realizadas polos socialistas de Barbadás, “con clara intención política”, considera, en referencia a unha suposta perda dun facultativo no centro de saúde de Barbadás e os supostos efectos negativos como o aumento dos tempos de espera para acudir ao médico de familia.

A Xerencia deixou claro que “non se perde ningún dos cinco facultativos que dan cobertura médica á poboación do Concello de Barbadás, que na actualidade ten asignadas un total de 7.116 tarxetas sanitarias, e que de ningún xeito se verán aumentados os tempos de espera para a atención médica”. 

Así mesmo, aclararon que nesta semana estase a proceder en toda Galicia á toma de posesión das prazas procedentes do concurso de traslados en Atención Primaria, que tivo como finalidade facer efectivo o dereito á mobilidade do persoal estatutario fixo do persoal licenciado. No caso do Centro de Saúde de Barbadás estase a producir esta “situación administrativa transitoria” de cesamento e de posterior toma de posesión dunha praza de facultativo para a que se dispón de tres días hábiles para elo.

Mentras, habilitou as “medidas necesarias para garantir a continuidade asistencial das necesidades da poboación de Barbadás co xeito de preservar o normal funcionamento do centro de saúde ata que se incorpore un novo facultativo que será efectiva o vindeiro luns”.