As solicitudes individuais de concellos contarán cun importe máximo de 3.000 euros; se son dous os municipios, a axuda será de 8.000; e, se son tres ou máis, a subvención chegará aos 15.000.

 

A Casa da Xuventude de Ourense acolleu o primeiro dos catro encontros provinciais de voluntariado, no que participan dirixentes, técnicos e voluntarios de entidades e concellos. O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, inaugurou a xornada e aproveitou o encontro para anunciar a publicación no DOG da convocatoria de axudas destinada ás entidades locais para a promoción da información xuvenil e á realización de proxectos dirixidos á xuventude no ámbito da educación non formal e da participación.

A esta liña de subvencións, Traballo e Benestar destina 600.000 euros, un 12,5% máis que o ano anterior. As axudas van dirixidas a concellos e mancomunidades de Galicia, así como tamén aos municipios que, pertencendo a unha mesma zona, acorden desenvolver programas conxuntos de actuación sen constituír unha mancomunidade.

A novidade máis importante desta edición é o incremento no importe máximo das axudas para incentivar os proxectos conxuntos. Deste xeito, a orde sinala que as solicitudes individuais de concellos contarán cun importe máximo de 3.000 euros; mentres que se son dous os municipios, a axuda será de 8.000; e, se son tres ou máis, a subvención chegará aos 15.000.

Os beneficiarios das subvencións deberán participar no financiamento cun mínimo do 25% do orzamento total. O período subvencionable abranguerá desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2015. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contando a partir do 10 de abril.

Poderán ser obxecto destas axudas os custes derivados do funcionamento normal dun servizo de información xuvenil, así como as actividades de dinamización da información que se levan a cabo. Tamén se subvencionan as actividades formativas e educativas, as relacionadas co espírito creativo e emprendedor da mocidade, os programas de información e asesoramento e, en xeral, os que faciliten a participación xuvenil en actividades de educación non formal e os relacionados co asociacionismo e liderado xuvenil, todos eles destinados a mozos de entre os 12 e 35 anos.