Celebrouse a primeira asamblea extraordinaria da Unión Deportiva Ourense que abríu o primeiro período electoral para elexir directiva.

74 socios fundadores e dous representados (máis tarde chegaron tres socios máis) acudiron a esta asamblea extraordinaria que ratificou a boa sintonía reinante no seo do club.

Os puntos na orde do día foron caendo un a un ratificados coa maioría dos votos dos socios presentes.
O primeiro deles foi o nomeamento de Antonio Dacosta, adestrador do primeiro equipo, como directivo. Tras este chegou o de modificar os Estatutos en tres artigos: condicións e formas de admisión de novos abonados acordarase en Asamblea Xeral e non pola Xunta Directiva; eliminar a esixencia de ser número impar a directiva e regular (tamén en Asamblea Xeral) o destino da parte da couta social que non se destina a pagar o abono, neste caso 70 dos 100 euros pagados polos socios.

Os seguintes puntos foron a aprobación do regulamento electoral e a convocatoria de eleccións. A pesar de tamén ser aprobado este último por unanimidade foi o que máis debate provocou. A partir dese momento a directiva pasou a ser unha comisión xestora e creouse unha xunta electoral formada por Juan Romero, Carlos Gavilán e Eva Iglesias; Manuel Veiga como suplente.

Ata o 24 de abril estará aberto o prazo de presentación de candidaturas. Logo haberá un prazo de cinco días para admitir as candidaturas e finalmente o 4 de maio celebraranse as eleccións. De haber dúas ou máis candidaturas habería votacións, e en caso de participar soamente a directiva en funcións actual, esta tería que ser acreditada polos socios en asamblea.