José Manuel García Casares no pleno

No transcurso dunha moción de Democracia Ourensana na que se solicitaba adoptar medidas para conseguir rebaixar o prezo do aparcadoiro para os usuarios.

 

A sesión plenaria de abril no Concello de Ourense foi “movida” (como acostuma a ser nos últimos tempos) pero tamén con contido. Na sesión na que tomaba posesión o novo edil de Democracia Ourensana, Manuel Álvarez, houbo tempo para presentar –e aprobar-propostas de interese para a veciñanza, mais tamén para os insultos –outra vez máis. Os máis destacados foron as palabras do popular José Luis Valcárcel que dixo que “quien vote a DO está tarado” e as do alcalde, que comparou o comportamento de Jácome cos xihadistas “que son capaces de destruír nun minuto o que se construiu en miles de anos”.

Limpeza viaria no rural
Seguindo o regulamento, interviu no pleno un representante veciñal da Agrupación Miño, José Manuel García Casares para presentar unha iniciativa sobre os incumprimentos da limpeza viaria do rural na que reclaman que se faga cumplir “íntegro” o contrato á concesionaria ou que se lle rescinda. Senón, advertiu, “os veciños falarán cando lles toque, o 24 de maio.
Non foi aprobada a moción de DO sobre o aparcadoiro do CHUO, pero si lle serviu de excusa ao líder do PP Rosendo Fernández, tamén vicepresidente da Deputación, para informar de que existe xa “unha proposta de baixada de prezos” na institución provincial do que está considerado un dos párkings máis caros da cidade. Por esta moción DO recibiu varias críticas: por parte da nacionalista Ximena González porque “o debate de prezos toca na Deputación” non no Concello, e por parte do alcalde, que aclarou que o aparcamento si ten licenza, só falta rematar de tramitar a licenza de apertura da súa ampliación.

Campo de fútbol para A Carballeira
Si saiu adiante, e por unanimidade, unha moción do BNG sobre a construción dun campo de fútbol na Carballeira, tal e como pedían os seus veciños, malia os temores do edil popular Bernardino González de que non se poida executar esta obra neste momento porque no PXOM do 86 –o vixente- a zona está cualificada de “esparcimiento y parques” e no PXOM en redacción “esa infraestructura no está contemplada”.

Tamén foi aprobada a emenda do PP –cos votos desta formación e do PSOE- á moción do BNG sobre a concesión da cafetería anexa ao hotel San Martín. Os nacionalistas querían que se rescatara a concesión, mentres que os populares reclaman que a comisión informativa aberta por este asunto presente as súas conclusións antes da fin do mandato. Conclusións que, como recordou a edil do BNG e presidenta da comisión, Susana García, están á espera dun informe dos servizos xurídicos que acumula “unha demora de nove meses”.

A moción máis polémica da sesión foi aquela na que DO reclamaba axustar á baixa o custo da Banda de Música Municipal, que esta formación cifra nuns 400.000 euros anuais para ao redor de 50 eventos. Os outros tres grupos políticos acusaron a Jácome de demagoxia neste asunto; a edil de Cultura, Ana Garrido, subiu as actuacións ata 74 e dixo que xa se estaba preparando un novo contrato coa agrupación musical. O rexedor defendeu, asemade, que o custo da Banda “ten un prezo razoable e o seu valor é incalculable”.

Agresión a Jácome
Estábase debatindo a moción na que o BNG propuña un Plan Municipal de Vivenda Social cando o pleno foi interrumpido ao coñecerse a agresión que sufrira pouco antes o edil Gonzalo Pérez Jácome ás portas da consistorial. Tras un receso duns minutos no que o alcalde se reuniu cos voceiros, retomouse a sesión para informar da súa suspensión.

O luns acordarase cando se retoma e se remata o debate desta proposta nacionalista, que ía ser apoiada por PSOE e DO e emendada polo PP, así como das outras dúas mocións pendentes: unha dos socialistas sobre os rexistros civís e outra dos populares sobre declaración de Ourense como cidade accesible a persoas con intolerancias alimentarias.

Os bombeiros demandan máis plantilla
A suspensión do pleno tamén deixou sen escoitar as demandas dos bombeiros de Ourense, algún dos cales puideron acceder á sesión plenaria como público. Esixen a convocatoria inmediata de todas as prazaas vacantes e a de todas as prazas de promoción interna do servizo, así como a dotación orzamentaria de todas as prazas amortizadas ou non dotadas nos últimos. Nun comunicado, os bombeiros alertan do “progresivo deterioro do servizo” pasando dun máximo de 71 efectivos aos 55 actuais, lonxe das recomendacións da UE dun bombeiro por cada mil habitantes. Queren “un mínimo que garanta a seguridade dos cidadáns e o bo funcionamento do sevizo”, que ata agora foron parcheando coa realización de horas extraordinarias.