Jácome agredido

O pleno do Concello de Ourense quedou suspendido esta mañá tras ser agredido o voceiro de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, cando se atopaba fóra da casa consistorial.

Segundo Jácome foi un membro da Banda Municipal de Música (extremo aínda sen confirmar) quen lle lanzou un ovo que lle impactou contra a orella dereita, manchando tamén a camisa. O autor da agresión foi detido pouco despois á altura da Alameda.

Xustamente nesta sesión fora debatida unha moción de DO na que se propuña recortar a asignación municipal á agrupación musical, moción que foi rexeitada polo resto de grupos políticos.

O incidente obrigou a tomar un receso na sesión, mentres Jácome se dirixía ás urxencias do centro de saúde Nóvoa Santos, acompañado do edil popular Miguel Abad (tamén médico) para comprobar o alcance da agresión. Uns minutos despois o rexedor retomaba a sesión para rexeitar a agresión ao voceiro de Democracia Ourensana e anunciar que se suspendía a sesión ante a súa ausencia.

O luns acordarase cando continuar a sesión, que quedou interrompida cando se estaba a debater a moción do BNG sobre un Plan Municipal de Vivenda Social. Restaban aínda dúas mocións máis: sobre seguridade alimentaria do PP e sobre os rexistros civís do PSOE.