Oficina electoral do BNG no Paseo

Os nacionalistas optan por unha redución dos gastos da campaña.

O BNG-Asembleas Abertas abriu este luns a súa oficina electoral, un stand ubicado na rúa do Paseo (diante do antigo Banco de España). Alí estarán ata o 24 de maio candidatos, militantes e simpatizantes da formación nacionalista alomenos tres días por semana, en horario de 11 a 13:30 e de 17:30 a 20 horas.

Segundo indicou a súa candidata, Susana García, o Bloque opta pola redución de gastos nesta campaña electoral, na que non reciben axudas públicas para o buzoneo dos sobres con papeletas nin suscribiron ningún préstamo bancario. “O que facemos hoxe, ter unha oficina na rúa que non supón para a organización ningún gasto, é posíbel grazas ao traballo dos militantes e simpatizantes que con esforzo e adicación fan que o BNG-Asembleas Abertas faga a campaña con recursos propios”, dixo.

No stand informarán do seu programa electoral, que aínda está aberto a propostas dos ourensáns, e venderán camisetas co lema “Depende de nós”.