Fírvida e Pilar, na Valenzá

Ademais de encarecer o recibo da auga un 66 %, VIAQUA está situada nun baixo da Valenzá propiedade do alcalde, sinala o Bloque.

O portavoz municipal e candidato do BNG – Asembleas Abertas de Barbadás, Xosé Manoel Fírvida denunciou este luns a situación da concesións dos servizos de abastecemento de augas e saneamento deste municipio.

Diante da empresa VIAQUA, na avenida de Celanova, na Valenzá, Fírvida informou de que esta empresa é a concesionaria do servizo de abastecemento da auga e que en xuño de 2006 fora ampliada a concesión ata o ano 2040. Segundo sinala o voceiro do Bloque, as condicións económicas desta ampliación eran fraudulentas, «pois recollían entre outras cousas que a poboación en Barbadás en 2025 sería de 5.521 persoas, sendo na actualidade de máis de 11.000 censadas».

Naquela altura o BNG xa denunciara que o prezo da auga subiría un 41% «e o tempo deunos a razón. Para un consumo dunha familia media de 40 metros cúbicos en dous meses o recibo pasou de 41,44 a 58,57 euros», explica Fírvida.

En abril de 2009 o Concello de Barbadás concedeulle á mesma empresa o saneamento da auga por 25 anos, ata 2034, «deixando hipotecado o concello por 36 e 25 anos respectivamente e dificultando o rescate da concesión a futuros gobernos que acrediten na xestión directa dos servizos públicos, caso do BNG, polas condicións económicas estipuladas».

Nese ano a auga sufríu unha nova suba do 17,5 %, pasando o mesmo recibo de 40 metros cúbicos de 58,57  a 68,62 euros. «É dicir, desde o 2007 ao 2015 o recibo da auga aumentou en Barbadás un 66 %», recalca Fírvida.

O político nacionalista salienta que, sendo a mesma empresa que presta o servizo en Barbadás e en Ourense, os prezos son un 57% máis caros no municipio limítrofe, pois na capital «esa mesma familia que consume 40 metros cúbicos cada dous meses paga 43,85».

Para os nacionalistas de Barbadás a razón deste comportamento que beneficio á empresa é que o local no que está situada na Valenzá é propiedade de Freire Couto, o alcalde popular de Barbadás, «o que podería ser un delito de ‘cohecho’ por aproveitamento de cargo público en beneficio propio», afirman..