A fachada do Concello actuará de taboleiro xigante.

 

A Consellería de Economía e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación, volve achegar a innovación á cidadanía dun xeito ameno e divertido a través do concurso científico Big Ciencia, que este venres 17 retoma a súa segunda edición en Verín, tras o que fará parada na pontevedresa de Lalín, en Ferrol e en Chantada.

Coñecida por converter as fachadas de emblemáticos edificios en xigantescos taboleiros ao combinar o concepto clásico de xogo de coñecementos coa proxección arquitectónica de gran formato, como novidade Big Ciencia aterrará este mes en novas localidades co obxectivo de chegar a diferentes públicos, aproveitando ademais que as temperaturas primaverais invitarán a xogar en plena rúa.

A primeira parada será este venres en Verín, onde o xogo comezará a partir das 21:30 horas coa fachada do Concello como pantalla. Nel poderán participar todos os veciños, familias e amigos que se animen a medir os seus coñecementos fronte a un rival, sen necesidade de inscribirse previamente.

Un formato espectacular
Precisamente o feito de proxectar as preguntas e respostas sobre as fachadas de edificios é o que fai que este orixinal evento resulte espectacular, convertendo cada acción en única.

Isto será posible grazas ao uso da proxección arquitectónica de gran formato, unha técnica ata o momento reservada a actividades de carácter artístico e que permite a Big Ciencia crear un novo concepto de divulgación científica innovador e de grande impacto visual.