Participarán representantes de 19 países que analizarán e intercambiarán estratexias para o desenvolvemento internacional dos dous ámbitos.

Ourense será sede desde o venres 17 de abril e durante tres días do Congreso Internacional de Folclore e Turismo da Internacional Union of Folklore Association (IGF), cuxa organización nesta edición correspondeulle ao grupo “Queixumes dos Pinos”.

Durante o congreso, que se vai desenvolver no Hotel Balneario Laias Caldaria emprazado en Cenlle, os participantes achegados de 19 países analizarán e intercambiarán experiencias e estratexias para fomentar o desenvolvemento internacional do turismo e da cultura folclórica.

A Xunta de Galicia colabora e participa desde distintos departamentos autonómicos coas actividades programadas neste congreso. “O folclore é unha ferramenta extraordinaria de transmisión e intercambio de coñecementos culturais”, apuntou o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez; quen, ademais, felicitou a Queixumes dos Pinos por facer realidade este proxecto, o primeiro congreso destas características que se celebra a nivel mundial, e recoñeceu o gran labor desenvolvido por este grupo de danzas a prol do folclore tradicional galego desde a súa creación en 1994.