A concentración terá lugar o sábado 18 de abril ás 11.30 horas diante da Subdelegación.

 

A C.I.G. súmase á xornada mundial de mobilizacións que terán lugar o sábado 18 de abril e convoca unha concentración en Ourense, ás 11.30 horas diante da Subdelegación do Goberno, contra o Tratado que están a negociar a Unión Europea e EE.UU. , o Tratado Trasatlántico de Comercio e Investimentos.

Durante esta semana a C.I.G. está desenvolvendo unha campaña para divulgar as consecuencias que terá para as clases populares este tratado, que vai afectar a todos os ámbitos da nosa vida, (traballo, alimentación, sanidade, ensino e servizos públicos”. “Vai beneficiar ás empresas multinacionais, que provocarán un retroceso sen precedentes nos nosos dereitos económicos, sociais e ambientais máis elementais”, denuncian dende este sindicato.

Segundo aclaran, o Tratado Trasatlántico de Comercio e Investimentos pretende que as multinacionais non teñan ningún límite normativo nin lexislativo dos países para implantar as súas condicións e non terán que aplicar o salario mínimo nin os convenios colectivos; e os traballadores non terán seguridade social nin pensión pública.