“Faino para que non lle arrefríe a cadeira da vicepresidencia da Deputación, e logo buscar mellor fortuna como deputado ou senador”, din os nacionalistas.

Dende o BNG da Merca, que leva 20 anos formando parte da corporación municipal, queren destacar a súa “intachable traxectoria política en prol da defensa dos intereses dos veciños”.

“Nunca entendemos nin utilizamos a política nin as institucións para medre persoal ou como instrumento para facer favores ou mesmo como axencia de colocación de familiares e amigos”, recalcan, mentres poñen en evidencia que o Partido Popular “non pode dicir o mesmo”. Os nacionalistas acúsanos de “colocar” a parellas, fillos e parentes do rexedor popular e os concelleiros do PP na Deputación e o propio Concello.

Neste senso, dende o BNG resaltan a volta á política municipal da Merca do “fillo prodigo”, referíndose a Rosendo Fernández, que se presentará as vindeiras eleccións municipais na lista do PP á localidade. “Non o fai para contribuír ao progreso e benestar dos seus veciños senón que o fai única e exclusivamente para que non lle arrefríe a cadeira da vicepresidencia da Deputación, e logo buscar mellor fortuna como deputado ou senador”, aseguran os nacionalistas, que cren que utiliza ao Concello e aos veciños “como pano dos mocos de usar e tirar”.

Candidatura do BNG
Pola súa banda, os nacionalistas defenden a súa candidatura á alcaldía, con Xurxo Novoa á cabeza, como unha opción “con experiencia, preparada, renovada e con xente de tódolos ámbitos profesionais, sen ningunha atadura e co único propósito de converter ao noso Concello na casa de todos e dótalo daqueles servizos necesarios para mellorar a calidade de vida sobre todo a daqueles máis necesitados”, din.