Os nacionalistas van presentar unha iniciativa no Parlamento galego para que se revogue a supresión de frecuencias na liña de tren Ourense-Santiago.

Na súa viaxe de proba da liña de alta velocidade entre A Coruña e Vigo, a ministra de Fomento, Ana Pastor, adiantou diversas medidas, como 10 frecuencias diarias en cada sentido; manter o prezo do servizo actual (de 18 euros. 14,50€ comprando ida e volta); e paradas intermedias en Pontevedra, Vilagarcía e Santiago (incluso nalgúns servizos se van realizar paradas en Redondela, Arcade, Padrón-Barbanza). “O tren é o mesmo que opera entre Ourense e A Coruña pero está claro que o tratamento non é o mesmo”, acusan dende o BNG.

“A ministra dixo que isto ía cambiar Galicia, pero para Ourense os cambios son sempre negativos”, lamentan. Refírense á redución das frecuencias nos traxectos (suprímese o das 18.30 de volta a Ourense e o das 20.30 horas adiántase ás 20); o que implica, segundo o BNG, que “moita xente que tiña a súa vida laboral ou de estudante organizada arredor duns horarios e unhas frecuencias, vai ter que cambialo todo. Vaise ver obrigada a coller o coche ou o autobús”.

Ademais, o prezo da liña da Coruña-Ourense “non é apto para calquera”, din, custa 24 euros un billete de ida e volta (fronte aos 14,50 que ofrecen na de Vigo). E o traxecto non inclúe paradas en vilas como Carballiño.

Ao suprimir frecuencias, modificar horarios e manter os prezos tan elevados obrigan a xente é a coller o coche ou os autobuses e a circular polas autoestradas “que xa sabemos que están moi necesitadas de usuarios para ter un negocio máis rendible”, denuncian.

E consideran que o debate sobre a data da chegada do AVE a Ourense desde a meseta, o soterramento ou o non e a construción dunha nova estación pasan a un segundo plano desde o momento no que a conexión interior en Galicia non é adecuada.

Ademais, lembran que en Ourense non temos autobús metropolitano “polo veto da Xunta do PP e a desidia do PSOE”. “E pouco a pouco imos perdendo tamén o tren”, engaden. Por iso, o BNG de Ourense vai solicitar aos concellos da área metropolitana de Ourense unha acción coordinada para pedir un trato xusto.