Candidatura Ourense en Común

O líder veciñal Miguel Doval encabezará a lista ao Concello de Ourense da plataforma cidadá, que agarda ter listo o seu programa electoral a final de mes.

 

Membros do comité electoral de Ourense en Común e os candidatos xa coñecidos da súa lista ás eleccións municipais no concello de Ourense compareceron este mércores ante os medios de comunicación para avaliar a situación da plataforma cidadá, logo da anulación das primarias e a retirada do apoio de partidos como Podemos, Compromiso por Galicia, Anova e Iniciativa por Ourense.

A pasada fin de semana, Ourense en Común volveu escoller os seus candidatos combinando unha proposta de nomes consensuados en asamblea cos votos dos asinantes do seu manifesto inicial. Das 1.667 persoas que o asinaran, participaron na votación 164, dos cales 54 o fixeron por vía telemática. Un 40% deles elixiron para encabezar a lista ao histórico dirixente veciñal Miguel Doval, que irá acompañado, tras realizar a corrección de xénero, por Ledicia Piñeiro, Martiño Xosé Vázquez, Montse Valencia, Carlos Miguélez, Mavi Calviño, Javier Octavio de Toledo, Montse Malvar e Emilio R. Tilve, nos postos do 2 ao 9. O resto de persoas que integrarán a lista de Ourense en Común xa están elixidos, e daranse a coñecer nun acto público o vindeiro xoves 23 de abril.

Para o candidato Martiño Xosé Vázquez, o acontecido coas anuladas primarias, tras acusacións de “carretaxe” a determinados partidos, “atacou a confianza de Ourense en Común; ninguén se sentiu tan defraudado coma nós” pero logo “convertiuse nunha necesidade de desagravio, de levantar un proxecto máis forte”. Nese sentido, David Bruzos, membro do comité electoral, considera que saen “fortalecidos” por “facer valer a ética fronte ás malas prácticas, fronte a formas de traballar viciadas”. Por iso considera que era “imprescindible” anulalas, pois senón, “o proceso estaría morto porque estaríamos ratificando unha votación fraudulenta”. De aí que se amose contento pola saída “de determinadas persoas ás que se enchían a boca coa palabra democracia”. E nese sentido, a candidata Ledicia Piñeiro recalcaba que a xente “que non soubo, ou non quixo (artellar métodos novos de facer política), simplemente autoexcluíuse; en Ourense en Común non se botou a ninguén”.

Elaboración do programa electoral
Paralelamente, Ourense en Común segue a traballar na elaboración do seu programa electoral. Esta fin de semana analizarán en asamblea as cento de propostas recollidas nos últimos meses nas reunións realizadas nos barrios da cidade e en dez mesas sectoriais, para elaborar con elas un borrador de programa electoral, que “volverá aos barrios para ser refrendado e presentarémolo a fins deste mes”, indicaba Martiño Xosé.

Campaña
A candidata Mavi Calviño adiantou que a campaña electoral de Ourense en Común será “austera”, “transparente”, “participativa” e tirará de “creatividade” para presentar “algo diferente e chamativo para o cidadán”. Calviño non quixo marcarse ningún obxectivo de concelleiros a conseguir; dixo que o primeiro é “volver ilusionar á xente”. Nesa liña, para o seu compañeiro Martiño “gañar Ourense é que as formas de facer política no Concello de Ourense muden”.