Entrega de diplomas do programa de emprego

A Consellería de Traballo e Benestar financiou ao 100% o programa integrado de emprego ‘Ourense:Emprego e Formación” da cidade das Burgas.

Nel participaron un total de 70 persoas, na súa maioría con baixa cualificación. Esta actuación acadou que o 45% dos seus participantes atoparan un posto de traballo, en concreto o número de insercións cífrase en 32.

Así o destacou o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, durante o acto de clausura e entrega de diplomas ao primeiro grupo dos alumnos que participaron nesta iniciativa ao que acudiu acompañado polo xefe territorial de Traballo e Benestar, José Selas, e que contou tamén coa presenza do concelleiro de Emprego, José Angel Vázquez Barquero. O venres que vén entregaranse os diplomas acreditativos ao segundo e último grupo de alumnos.

Entre as accións que se impartiron destacaron cursos de técnicas de venda e habilidades comerciais, vixilancia de seguridade, coidados de discapacitados físicos e psíquicos e barman.

Inserción laboral
Rogelio Martínez explicou que os programas integrados de emprego son medidas activas de emprego, que buscan a inserción laboral dos participantes a través dun tratamento integral. Deste xeito, combinan distintas accións como a orientación e o asesoramento, a formación, a práctica laboral e a mobilidade xeográfica.

Establécese, nestes programas, que o obxectivo de inserción laboral será, como mínimo, do 30 ou do 35 por cento. En xeral, os destinatarios destas actuacións son persoas desempregadas, preferentemente preceptoras de prestacións ou subsidios e, maioritariamente, colectivos de difícil inserción no mercado laboral.

O delegado territorial sinalou que a Consellería de Traballo e Benestar blindou o financiamento dos programas integrados para o emprego para beneficiar a 2.000 persoas. Como principais novidades nesta convocatoria para o período 2015-2016, que xa saíu publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), créase un tipo de programa integrado de emprego específico para persoas beneficiarias da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA). Cada proxecto terá unha duración de 12 meses.

O concello da capital contará, de novo, cun programa integrado de emprego que beneficiara a 70 desempregados. Este foi o único solicitado na provincia ourensá.