Comezará este sábado 18 cun Show Cooking co gañador de Master Chef Junior, e continuará o día 25 con simuladores de condución, obradoiro de graffiti e danza urbana.

 

A concelleira de Xuventude María Devesa e o director xerente de Ponte Vella Marcos Vila presentaron  o programa de actividades “Sábados da mocidade”, que organizan a Concellería de Xuventude e o centro comercial co obxectivo de achegar propostas para o tempo de lecer de mozos e mozas durante as fins de semana.

As actividades tamén posibilitarán a relación entre mozos e mozas, a formación lúdica e os valores de convivencia, tolerancia, solidariedade, participación e aprendizaxe intercultural.

As actividades desenvolveranse os sábados 15 e 25 de abril, de 18:00 a 22:00 horas, no Centro Comercial Ponte Vella, un espazo que conta cunha gran afluencia de mozos e mozas de entre 10 e 30 anos durante as fins de semana.

A primeira das actividades será pasado mañá, 18, coa visita de Manuel, gañador do programa de televisión Master Chef Junior 2014, que realizará un showcooking, no que elaborará en directo varios pratos utilizando produtos galegos, ás 18:00 horas na planta baixa do centro comercial.

O sábado, 25 de abril, haberá diferentes propostas. Na planta alta e baixa do centro comercial, mozos e mozas poderán xogar con dous simuladores de condución e visitar unha exposición de retroconsolas (consolas antigas e descatalogadas pero que aínda poden funcionar). Será de 18:00 a 22:00 horas e haberá premios para os gañadores.

Ese mesmo día, desde as 18:00 ata as 22:00 horas haberá unha exhibición e un obradoiro de graffitti, e unha exhibición e posterior masterclass de Danza urbana. Ao longo de toda a tarde actuará un DJ acompañando ao resto das actividades.

As persoas interesadas poden recibir máis información na Concellería de Xuventude, na Praza de San Martiño, nº 2 baixo, teléfono 988388154.