As instalacións deportivas do complexo da Granxa e a piscina climatizada de Verín son, desde principios de semana, zonas cardioprotexidas con desfibrilador externo semiautomático (DESA) e persoal autorizado para a utilización do mesmo.

 

Esta medida é unha máis das iniciativas promovida desde o Concello de Verín en prol das políticas activas de saúde e deporte destinadas, neste caso, a garantir unha actuación rápida e eficiente ante posibles situacións de paros cardíacos repentinos entre as persoas que practiquen deporte nestas dúas instalacións municipais, que son as que máis afluencia de público teñen.

As zonas cardioprotexidas son espazos que contan con medios materiais (desfibrilador semiautomático -DESA-), persoas axeitadamente formadas, para poder garantir que en devandita zona é posible actuar rápida e eficientemente para a atención inicial da parada cardiorrespiratoria, como primeiro interveniente, ata a chegada dos servizos de emerxencia.

Estas persoas contan coa formación específica requirida para actuar ante estas situacións e manexo do DESA, que é un aparato electromédico que mediante a colocación duns electrodos no tórax do paciente é capaz de analizar o ritmo cardíaco, identificar aquelas arritmias mortais que poden ser tratadas cunha descarga eléctrica e informar de cando é necesario aplicar esa descarga.

A desfibrilación consiste en emitir un impulso de corrente continua ao corazón, despolarizando simultaneamente todas as células miocárdicas, podendo retomar o seu ritmo eléctrico normal ou outro eficaz. A fibrilación ventricular é a causa máis frecuente de morte súbita entre os deportivas.