A Xunta de Goberno aprobou tamén a licitación da cafetería do Parque Barbaña e un convenio coa Xunta para mantemento da Casa de Acollida.

 

O Concello de Ourense realizará traballos de mellora e posta en valor de catro camiños no perímetro rural cun investimento de 90.2011 euros. A Xunta de Goberno Local aprobou na súa xuntanza deste xoves o expediente de contratación das obras, que permitirán mellorar o estado de catro camiños cuxo firme, asfáltico ou de formigón atópase en mal estado polo deterioro. A intervención executarase no camiño que comunica as localidades de Palmés e Naves, os accesos a Cerdenao, o camiño Abelaira-O Castro e o Camiño de Abeleda.

Na mesma sesión, a Xunta de Goberno Local aprobou o expediente para contratar as obras de mellora de infraestruturas e humanización da rúa da Murga, cun importe de 143.895,55 euros. As obras permitirán poñer en valor e humanizar este vial, que conexiona a rúa Marcelo Macías co antigo camiño de Barbadás. O proxecto prevé crear un vial interior ao mesmo nivel, similar a unha zona 30, onde a prioridade sexa o peón, cun único sentido de entrada a través de Marcelo Macías e saída cara o camiño de Barbadás. Créase unha pequena zona de aparcamento nas proximidades de Marcelo Macías e mantense o espazo central amplo e unha zona de estadía para veciños e veciñas. Tamén se substituirán as redes de abastecemento e saneamento.

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou o expediente para licitar, mediante procedemento aberto, a contratación da explotación da cafetería sita no Parque Barbaña, cos seus correspondentes pregos de cláusulas administrativas e técnicas. O concurso ten como finalidade adxudicar a explotación destas instalacións, dedicadas a cafetería e a súa terraza anexa, por un prazo máximo de 10 anos.

A explotación será a risco e ventura do adxudicatario, que deberá abonar un canon económico ao Concello, garantir a apertura da cafetería ao público os días e horas que fixe o Concello, e manter os aseos públicos anexos á cafetería, todos os días do ano, de 8 a 22 horas.

Tamén aprobou un convenio de colaboración entre o Concello de Ourense e a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia para o mantemento do centro de acollida para a atención a mulleres vítimas de violencia de xénero dependente do Concello.

A Xunta ahegará un total de 65.000 euros como colaboración no financiamento da Casa de Acollida do Concello de Ourense, que presta o servizo integral de atención, emerxencia, apoio, acollida e recuperación ás mulleres vítimas de violencia de xénero, dándolles aloxamento de forma temporal e con carácter de urxencia ás mulleres e fillos e fillas menores, garantíndolle un espazo de protección e de recuperación.