O candidato do Partido Popular á alcaldía de Parada do Sil, Ignacio Martín Amaro, acolle «con inmensa satisfacción» a decisión do Consello da Xunta de declarar Municipio Turístico Galego a esta localidade situada no corazón da Ribeira Sacra.

 

De feito, o candidato popular recalca que “este impulso decidido por parte do Consello da Xunta contribuirá a que Parada de Sil se convirta en municipio de referencia e capitalidade dentro da Ribeira Sacra, unha das xoias da nosa provincia, que atraeu en 2014 a máis de 152.000 turistas”.

Tal e como explican dende o Consello da Xunta, Galicia conta así con 44 municipios turísticos nas catro provincias galegas. Coa incorporación de Parada de Sil, a provincia de Ourense conta con 10 Municipios Turísticos: Allariz, Celanova, O Carballiño, Leiro, Monterrei, Pobra de Trives, Nogueira de Ramuín, Ribadavia, A Veiga e Parada de Sil. O Concello de Parada de Sil, situado no corazón da Ribeira Sacra, conta na actualidade con numerosos monumentos singulares: o Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, situado entre castiñeiros centenarios no Cañón do Sil; a Necrópole medieval de San Vítor de Barxacova, datada entre os séculos IX e XI; a Ponte Medieval de Conceliños, os Petos de Ánimas, o de Teimende, Coutiño e Casa do Vento; os numerosos cruceiros que atesoura; as Mámoas das Chairas, unha necrópole formada por dúas mámoas; a Calzada Romana de Pradomao ou o Castro de Castro, entre outros.

Así mesmo, este concello ourensán conta con edificacións con gran valor etnográfico, como as Casas da Neve de Cabeza de Meda, o Foxo do Lobo, os Muíños de Entrambosríos, o Forno Saqueiros ou o Belén do Sr. José na Capela de San Ramón. Ademais, no que se refire á paisaxe e á natureza destacan o Castiñeiro singular de Entrambosríos, declarado pola Xunta de Galicia “árbore de carácter singular”, o Souto de Santo André e os viñedos de Pombar.

Todos estes aspectos son postos en valor e amplamente recoñecidos e actúan como impulsores da actividade turística que pola súa vez unha parte importante da economía da zona, dotada das infraestruturas necesarias para o seu desenvolvemento.