O Festival de Cine Internacional de Ourense terá lugar do 14 ao 22 de novembro.

A concelleira de Cultura, Ana Garrido, e a directora do OUFF, Nora Sola, presentaron a convocatoria dos premios da sección oficial da 20ª edición do Festival de cine Internacional de Ourense, que se desenvolverá na cidade entre o 14 e o 22 de novembro.

A competición oficial de longametraxes está dotada con 17.000 euros que se repartirán entre os seguintes galardóns: a Calpurnia á Mellor Película recibirá 7.000 euros, o Premio do Público á Mellor Película 3.000 euros, o Premio “Carlos Velo” ao Mellor Director 3.000 euros, o Premio Especial do Xurado 2.000 euros, o Premio ao Mellor Guión 1.000 euros e o Premio á Mellor interpretación outros 1.000 euros.

Os interesados en participar deberán presentar películas producidas en 2014 ou 2015 que non teñan sido exhibidas comercialmente en España (agás noutros festivais) antes do 23 de novembro deste ano. A inscrición das obras deberá realizarse a través do formulario das páxinas web www.uptofest.com ou www.festhome.com, ou remitíndoa á dirección “Festival de Cine Internacional de Ourense, Auditorio Municipal, rúa da Canle nº 2, 32005 Ourense” antes do 1 de setembro.

Selección

Unha comisión de selección independente designada pola concelleira de Cultura terá como cometido o asesoramento en relación coas películas que competirán na sección oficial. Así mesmo, poderá propoñer aqueles filmes non seleccionados para a competición pero que considerase de especial relevancia para a súa exhibición en ciclos paralelos.

A selección realizarase tendo en conta que o concurso é unha mostra das producións máis destacadas do cinema independente de todo o mundo, apostando polas películas máis temáticamente comprometidas e formalmente innovadoras.
En calquera caso, a decisión final da sección competitiva corresponderalle ao comité de dirección que, no seu caso, sexa determinado pola Concellería de Cultura para a edición deste ano.

Os premios da sección oficial competitiva serán outorgados polo seu correspondente xurado, designado pola Concellaría de Cultura entre profesionais do mundo cinematográfico, audiovisual, medios de comunicación e cultura. O xurado non poderá declarar deserto ningún premio nin concedelo ex aequo, poderá conceder as mencións especiais (sen dotación económica) que considere oportunas, e podería outorgar excepcionalmente unha única vez dous premios a unha mesma película. O premio do público concederase ao filme que obteña unha maior puntuación ponderada en función dos votos emitidos polos espectadores tralas proxeccións.

Os gañadores de todos os premios recibirán un trofeo representativo do Festival. Para isto, será imprescindible que o premiado estea presente na cerimonia de clausura do OUFF.