Buscan “ofrecerlle á cidadanía una alternativa aos partidos tradicionais que non foron capaces de xestionar e facer oposición pensando nas persoas e si nos seus intereses propios”, aseguran.

Anova, liderada por Xosé Manuel Beiras e Martiño Noriega, foi constituída hai máis de 2 anos e medio agrupando a persoas procedentes de movementos sociais, partidos políticos, e unha maioría que nunca participou en política, co obxectivo de construír “unha alternativa político-social ante a incapacidade dos partidos do Réxime e a desafección da cidadanía”, lembran.

Dende Anova cren que “os proxectos políticos non deben ser máis que instrumentos formados por persoas do común, non políticos profesionais, unidas pola necesidade ética de mudar a realidade”

Así, despois deste tempo escoitando aos veciños, dende esta formación política consideran que “a nosa cidade precisa unha alternativa nacionalista e situada na esquerda rupturista que consiga antepor os intereses da cidadanía fronte aos grandes investimentos e despilfarro de diñeiro público”.

Con este fin presentan unha candidatura que agardan “sexa o máis plural e representativa da xente que vive e traballa na nosa cidade: un mestre, un técnico superior en produción por mecanizado, unha politóloga desempregada, un educador social, unha enfermeira, un albanel, un informático, un ordenanza, un funcionario de prisións, un profesor de instituto xubilado, etc. de diferentes idades, pero una candidatura nova e formada nomeadamente por xente nova e con ilusión por mudar o seu futuro e a súa realidade”.

Así, esperan lograr a confianza dos ourensáns e que se sumen ao noso proxecto para “aportar suxestións e ideas para facer política de outra maneira, para fiscalizar e sermos escrupulosos co público”, eles defínense como “a nova forma de traballar polo ben común”.