José Ángel Vázquez Barquero

O candidato socialista pregúntase por que o candidato popular rachou o consenso ao redor do termalismo que mantiña o seu partido.

O candidato socialista á alcaldía de Ourense, José Ángel Vázquez Barquero, pediu ao candidato popular, Jesús Vázquez, que aclare a súa postura sobre o proxecto de expropiación das Burgas. “Que explique por que plantexa paralizar este proxecto, por que pretende dar marcha atrás cando o PP estaba a favor”, pídelle Barquero, quen recorda que os populares deron o seu apoio á moción do BNG aprobada por unanimidade no pleno de xaneiro de 2013 para optar polo sistema de expropiación nesta área

O socialista tamén se pregunta “que acontece para que agora Jesús Vázquez pretenda romper o consenso e a unanimidade en temas de termalismo”, cando xustamente hai unha sentenza xudicial (de marzo pasado) que avala o proceso de expropiación. “Non será por que pretende retomar o proxecto de Xardín das Burgas”, deixa caer Barquero, quen lle reclama a Vázquez unha aclaración sobre este tema.

Oferta de debate
Sobre a oferta de debate electoral feita polo candidato popular, Barquero opina que se trata dunha “estratexia de márketing político” porque non concretou nada nin hai “un convite expreso”. En todo caso, o socialista acepta debates sen establecer “en principio, ningún tipo de condicións”.