Fernando Alonso Lorenzo, de Coalición Galega

O seu candidato será Fernando Alonso Lorenzo.

O histórico partido Coalición Galega súmase á carreira electoral pola alcaldía de Ourense, tendo como candidato a Fernando Alonso Lorenzo. Baixo o lema “Por unha boa causa”, preséntanse para defender “os intereses dos cidadáns” e situándose no espectro ideolóxico “galeguista de centro”.

De chegar a obter representación, Coalición Galega ofrécese a dialogar con todo aquel partido “que traballe pola cidade, que non leve corruptos” e aposte “por unha maior transparencia”. Aceptarían apoiar a outro partido para que gobernase, en función da súa representatividade (“alguén que saca un concelleiro non o vas propoñer como alcalde”, puntualiza Lorenzo), pero sen entrar nun pacto de goberno: “nós non pasaríamos a formar parte dun goberno porque iso impídeche facer unha crítica”, engade.

Con arredor dun cento de afiliados, Coalición Galega presentará candidatura en Ourense, Lugo e Vigo. Aínda que no seu día estiveran en conversas con Compromiso por Galicia para integrarse nesta formación, o diálogo non fructificou. “A eles constáballe moito desprenderse da pátina de ser a ala moderada do Bloque, iso non significa ser de centro”, sinalaba o candidato de Coalición Galega.