Os populares recalcan que o proxecto que defende Jesús Vázquez está baseado «na seguridade xurídica e no consenso», co fin de evitar que o asunto chegue aos tribunais e se paralice o desenvolvemento da zona.

O grupo municipal do PP de Ourense desminte as «continuas e insistentes insinuacións públicas» do candidato socialista, José Ángel Vázquez Barquero con respecto ao suposto “interese” do candidato popular, Jesús Vázquez, de paralizar a expropiación da área das Burgas, en contraposición ao aprobado en pleno polos populares.

Destacan os populares que o candidato popular, Jesús Vázquez, “non se opón en absoluto, senón que aposta firmemente por un proxecto onde prime o diálogo e o consenso entre as partes implicadas e, sobre todo, que garanata unha seguridade xurídica que actualmente non existe, porque nin siquera se teñen en conta aos técnicos municipais. Algo fundamental co fin de evitar que unha eventual denuncia paralice nos tribunais durante anos este importante proxecto. Non queremos volver a experimentar un escándalo pola ineficacia do goberno municipal á hora de defender os intereses de todos os ourensáns”.

Ademais, os populares lembran que xa no momento da aprobación destas expropiacións, “advertimos que a cantidade consignada ía ser insuficiente para asumir a envergadura do proxecto, sen que fose tida en conta a nosa advertencia por parte do Goberno Municipal”.

Por outra banda, os populares pregúntanse que lexitimidade ten Barquero «para erixirse en salvador dos proxectos estratéxicos da cidade». Citan como exemplo que no ano 1996, na súa etapa como vicerreitor do Campus, impulsou a Residencia Universitaria. «E case 20 anos despois, con el no goberno municipal, esta infraestrutura tivo que pechar deixando sen este importante servizo aos estudiantes universitarios, ante a incapacidade do Goberno municipal para artellar unha solución», salientaron.